Monforte recibirá 10.909 euros para reforzar a loita contra a violencia machista

RibeiraSacraXa
Os fondos permitirán ao Concello de Monforte continuar desenvolvendo programas centrados na formación do persoal municipal, na mellora da información ás vítimas e na concienciación da cidadanía
xunta-local-seguridade-monforte
31 Jul 2025

Este mércores 30 de xullo, durante a Xunta Local de Seguridade en Monforte de Lemos, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou a asignación de máis de 243.000 euros aos concellos da provincia para reforzar a súa resposta contra a violencia machista.

O Concello de Monforte recibirá unha partida de 10.909 euros destinada a seguir impulsando campañas de prevención, sensibilización e atención ás vítimas de violencia machista. Así o anunciou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, durante a Xunta Local de Seguridade en Monforte de Lemos, onde tamén resaltou a asignación de máis de 243.000 euros aos concellos da provincia.

A subdelegada destacou que estes fondos permitirán a Monforte continuar desenvolvendo programas centrados na formación do persoal municipal, na mellora da información ás vítimas e na concienciación da cidadanía, especialmente da mocidade. Rodríguez insistiu en que a loita contra a violencia de xénero debe manterse firme, sen retrocesos nin discursos negacionistas, e que é fundamental construír desde o público espazos seguros e libres de violencia.

Os proxectos financiados con esta partida deberán executarse entre o 1 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026, reforzando así o compromiso do Concello de Monforte e do conxunto dos concellos lucenses nesta materia.

⚙ Configurar cookies
0.17065382003784