Monforte recibe cinco xornadas sobre drons na agricultura

RibeiraSacraXa
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte recibe para a semana cinco xornadas sobre os drons aplicados á agricultura.
dron polo aeroespacial rozas
22 sep 2021

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte recibe a semana vindeira cinco xornadas sobre os drons aplicados á agricultura. Previstas dende o próximo luns 27 de setembro ao venres 1 de outubro, todas están programadas das 10 ás 14 horas.

O obxectivo da iniciativa é dar a coñecer a tecnoloxía dos drons (vehículos aéreos non tripulados), a lexislación que os regula e as vantaxes que poden supoñer nas explotacións, en relación ao aforro de tempos e custos, para levar a cabo aplicacións máis precisas e con maior seguridade e, en definitiva, para incrementar a eficiencia nos traballos agrícolas.

En concreto, o programa inclúe contidos sobre as novas tendencias na agricultura, sobre as necesidades do agricultor e dos cultivos, sobre as pragas que poden afectar as plantacións e sobre o uso de fitosanitarios. Nesa liña, aprenderase como poden empregarse os drons para pulverizar aforrando non só produto senón tamén tempo e man de obra. Así mesmo, revisarase a lexislación de aeronáutica civil e a normativa do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en materia de aplicacións aéreas.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico isaac.lopez.felipe@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982889105.

0.18413186073303