Monforte quere ampliar o polígono industrial do Reboredo

RibeiraSacraXa
José Tomé anunciou a decisión de solicitar ó SEA que leve a cabo os estudos necesarios para a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo.
beatriz sestayo e tome
11 Maio 2021

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a decisión adoptada na reunión da Xunta de Goberno do Concello celebrada onte luns día 9, na que se acordou solicitar a Suelo Empresarial del Atlántico que leve a cabo a posta en marcha dos estudos necesarios para a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo.

Esta petición xa foi abordada na reunión que mantiveron a pasada semana o mandatario monfortino e a xerente do SEA, Beatriz Sestayo, quen destacou entón que “os datos reflexan que Monforte ten presente e moito futuro, cun polígono exemplo de motor de dinamización económica e da esencial creación de emprego”.

En concreto, o Concello monfortino solicitará ó SEA que se realicen ditos estudos de ampliación do Polígono do Reboredo e que tamén se leve a cabo a súa posterior implementación, baixo o criterio de duplicar a superficie actual do Polígono.

“Esta petición” salienta o Alcalde “está fundamentada na gran demanda existente de parcelas e o noso obxectivo é poñer á disposición dos empresarios parcelas de diversas superficies, para adaptarse as súas necesidades de chan industrial, e nas que poidan implantar as súas empresas, o que sen dúbida contribuirá á dinamización da economía do Concello.

O Polígono do Reboredo, un dos máis atractivos nos últimos anos

Este polígono nace no ano 1984 promovido e xestionado por SIGALSA (Suelo Empresarial de Galicia), hoxe Suelo Empresarial do Atlántico (SEA).
Ten unha superficie total de 365.000 metros cadrados, sendo aproveitables directamente para parcelas como superficie útil un total de 275.235 metros cadrados. Actualmente, repártese en 61 parcelas de 1.000 a 15.000 metros cadrados de superficie.

En canto ás condicións de edificabilidade cabe destacar que ten unha ocupación máxima do 75%, con retranqueos de 3 metros ó fondo e os laterais e 7 á fronte. Ademais permítese como máximo unha altura de 12 metros.

A dinámica de venta de parcelas neste polígono nos últimos tres anos foi moi destacada, o que permitiu que só queden 8 parcelas dispoñibles, trala venda de ata 12 parcelas nese período. O exercicio 2021, demostrou a consolidación do área industrial de Reboredo, no que se pecharon tres operacións de preto de 30.000 metros cadrados de superficie por importe de 349.000 euros.

Dende o Concello agárdase que a petición enviada polo Concello ó SEA sexa aceptada e que pronto se inicien os estudios pertinentes de ampliación do polígono, xa que nas declaracións ofrecidas a pasada semana por Beatriz Sestayo, manifestou que “estamos ante un dos polígonos máis atractivos dos últimos anos e dende SEA e o Ministerio imos facer todo o posible para seguir axudando”.

0.21526193618774