Monforte quenta motores para a Feira Medieval co desfile de traxes medievais

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu na tarde deste sábado ao desfile de traxes medievais e complementos celebrado no exterior da Praza de Abastos, acompañado polo concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e a concelleira de Muller, Igualdade e Comercio, Regina López.
A actividade, incluída na programación do Mercado para a Medieval, congregou unha notable afluencia de público. No desfile participaron arredor dunha vintena de modelos, tanto adultos como infantís, que luciron diferentes propostas de vestimenta, complementos e peiteados inspirados na época medieval, pensadas para quen queira caracterizarse de cara á XXII Feira Medieval, que se celebrará os días 4 e 5 de abril.
O Mercado para a Medieval funciona como antesala deste evento e xira arredor da preparación da feira. Instalado durante toda a fin de semana na Praza de Abastos, reúne 12 postos especializados con produtos vinculados ao medievo, como traxes artesanais para todas as idades, bixutería, complementos, servizos de perruquería e maquillaxe, así como propostas de gastronomía, repostería e decoración.
Ademais, o programa inclúe o concurso de repostería “A polo mellor doce”, no que as persoas visitantes poden escoller a súa proposta favorita nas categorías tradicional, innovadora e creativa. A entrega de premios está prevista para este domingo 22 ás 13:00 horas no propio recinto do mercado, tras o cal se celebrará un sorteo entre quen participou na votación.