Monforte puxo fin este xoves ao programa do 8M coa obra de teatro “A historia vaxenial”

O programa de actividades organizado polo Concello de Monforte de Lemos para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, rematou este xoves coa representación da obra de teatro “A historia vaxenial”, da compañía Artyc Content, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a proxectos pola igualdade.
A función tivo lugar no Edificio Multiusos e deu fin a unha serie de actividades que incluíu obradoiros educativos, xogos pola igualdade e espectáculos con perspectiva de xénero, ademais da tradicional concentración e lectura do manifesto reivindicativo celebrada o pasado domingo 8 de marzo.
Ao acto asistiron o alcalde, José Tomé Roca, a Tenente Alcalde, Gloria Prada, e varios concelleiros e concelleiras, entre eles os de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, Cultura, Marina Doutón, e Muller, Igualdade e Consumo, Regina López. Tomé quixo pner en valor a boa acollida dos actos deste ano, destacando que a concentración “contou cunha masiva afluencia da sociedade monfortina”, sendo “a máis numerosa dos últimos anos”.
A obra, escrita por Raquel Nogueira e Iván Marcos, segue o ronsel da serie web “Historias Vageniales” e combina comedia, análise histórica e pedagogía para explorar como os órganos sexuais femininos foron representados ou ignorados ao longo da historia, vinculando esta representación coa desconsideración da muller e o seu papel na sociedade. O público puido gozar dunha peza que alterna monólogo confesional, comedia historicista e conferencia pedagóxica, interpretada por Nogueira e dirixida por Marcos.
Ademais, a mostra “Mulleres con luz propia” permanecerá exposta todo o mes de marzo nas farolas da marxe dereita da Rúa Cardeal, desde a esquina coa Avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía. A instalación ofrece un percorrido pola vida e traxectoria de mulleres pioneiras e referentes da igualdade, desde figuras internacionais como Marie Curie ou Frida Kahlo, até feministas históricas como Clara Campoamor e galegas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou a xurista María Emilia Casas Baamonde, resaltando o seu papel como piares fundamentais do progreso social.