Monforte promove a inclusión social do colectivo xitano cun obradoiro de costura

RibeiraSacraXa
O concello de Monforte promove a inclusión social do colectivo xitano cun obradoiro de costura básica que comeza hoxe
taller costura
3 Out 2022

O concello de Monforte, coa axuda do departamento de Servizos Sociais e Igualdade, continúa a traballar na inclusión social do colectivo xitano co desenvolvemento do Programa de Inclusión Social da poboación de etnia xitana do concello de Monforte.

Deste xeito, dende hoxe 3 de outubro e ata o vindeiro 28 de novembro de 2022, terá lugar a celebración dun obradoiro de costura básica cunha duración de 40 horas ó longo de 20 días. Este obradoiro está programado dentro do módulo de Transición ó emprego.

Os horarios serán luns, mércores e venres de 10.30 a 12.30 horas (durante o mes de outubro), e xoves e venres de 10.30 a 12.30 horas (no mes de novembro).

Nel participarán 12 persoas que recibirán as súas clases na segunda planta do Centro Cívico de Monforte e as clases que terán lugar serán: introdución á costura, ferramentas utilizadas na costura, utilizando a máquina de coser, introdución ás técnicas de costura e algún contido de costura creativa.

Este programa de Inclusión Social da poboación de etnia xitana do concello de Monforte  inclúe ademais actuacións de apoio á inclusión social básica, apoio á inclusión residencial, transición ó emprego, reforzo socioeducativo de menores e mediación social e/ou intercultural

É un programa subvencionado pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo (FSE),  para o período comprendido entre o 1 de xullo de 2021 e o 30 de abril de 2023.

Para máis información acerca deste tipo de programas e accións, tódolos interesados e interesadas poden dirixirse ás oficinas dos Servizos Sociais Municipais, emprazados no primeiro andar do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón de Monforte, ou no teléfono 982 416 541.

0.1851749420166