Monforte promove a importancia da xestión dos residuos nos centros educativos

A campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible”, promovida polo Concello de Monforte de Lemos, iniciou esta semana o seu percorrido polos centros educativos co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos orgánicos e fomentar a compostaxe no municipio.
Este martes, o CEIP A Gándara acolleu dúas sesións nas que participaron 65 escolares. Durante as actividades, o alumnado aprendeu de xeito lúdico a importancia de separar a materia orgánica e o correcto uso do colector marrón. A través de xogos adaptados a distintas idades, os nenos e nenas coñeceron o proceso de compostaxe e as vantaxes de transformar os residuos orgánicos en compost.
Esta iniciativa forma parte dunha campaña máis ampla que comezou o pasado 5 de novembro e que inclúe accións tanto na rúa como nos centros educativos. O seu obxectivo é chegar a toda a poboación e sensibilizar aos máis novos sobre os beneficios da compostaxe doméstica e o uso adecuado do colector marrón. A próxima actividade terá lugar o 24 de novembro, día de feira en Monforte, coa instalación dunha carpa informativa no recinto do mercado municipal.
O Concello lembra que hai máis dun ano se implantou o colector marrón nas rúas de Monforte, destinado exclusivamente aos restos orgánicos, e que actualmente 1.995 familias participan activamente no seu uso. Con esta campaña, o Consistorio anima a máis veciños a unirse a este programa de voluntariado ambiental.
Ademais, está a facilitarse o reparto gratuíto de cubos marróns para a separación na casa e de composteiros domésticos para quen conta con hortas ou parcelas de polo menos 25 m² no municipio. Na pasada edición entregáronse 253 composteiros e nesta ocasión distribuiranse 150 unidades máis.
As persoas interesadas poden inscribirse nas carpas informativas, chamando ao 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través do formulario en liña dispoñible na web do Concello.
Así mesmo, o Concello fai un chamamento especial aos grandes xeradores de residuos orgánicos, como os establecementos de hostalaría e comercio, aos que se lles informará directamente sobre o servizo de recollida desta fracción.
Para poder optar a un composteiro, os solicitantes deben estar empadroados en Monforte de Lemos e dispoñer dunha parcela ou terreo no termo municipal de polo menos 25 m² onde instalalo.