O Concello de Monforte presenta unha nova edición do Programa Activa con máis prazas e novas actividades

RibeiraSacraXa
Nesta edición o Concello incrementa o orzamento en 4.000 euros, ata chegar aos 60.000, co obxectivo de dar resposta á alta demanda
plan-activaa-mnforte
7 Sep 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e a coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez, presentou este sábado a oitava edición do Programa Activa, correspondente ao período 2025-2026.

Este plan, iniciado en 2016 e suspendido dous anos pola pandemia, está dirixido especialmente ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de favorecer o envellecemento activo, mellorar a calidade de vida, fomentar a participación social, previr a soidade non desexada e dinamizar as parroquias do municipio.

Segundo os datos do padrón de agosto de 2025, o 43,8% da poboación de Monforte ten máis de 55 anos, un total de 8.657 persoas, sendo o grupo máis numeroso o comprendido entre os 55 e 79 anos. Por iso, o rexedor subliñou que este programa é “un dos principais compromisos adquiridos por este Equipo de Goberno cos cidadáns monfortinos” desde a súa chegada á Alcaldía.

Nesta edición increméntase o orzamento en 4.000 euros, ata chegar aos 60.000, co obxectivo de dar resposta á alta demanda. “Incrementaremos a súa partida para o ano 2026”, anunciou Tomé, quen tamén destacou “o aumento do número de prazas nas actividades máis demandadas e consolidadas, ofertándose un total de 652, que son 93 máis que na edición pasada (559 prazas), un 16,6% máis”.

As actividades, gratuítas e subvencionadas ao 100% polo Concello, desenvolveranse entre o 20 de outubro e o 12 de xuño de 2026. O prazo de inscrición abrirase do luns 15 ao martes 30 de setembro, tanto para actividades no Centro Cívico como nos locais sociais das parroquias.

Entre as novidades, o alcalde anunciou que “volve a impartirse a Ximnasia Acuática, xa que reábrese a piscina municipal”, aínda que o inicio da actividade estará condicionado á apertura das instalacións. Tamén se incorpora un taller de cociña orientada á nutrición e á alimentación saudable, cunha duración de tres días, e manterase o obradoiro interxeracional “Av@s 3.0”, que terá lugar no Nadal.

Ademais, algunhas actividades como “Conservando a memoria” aumentan o número de grupos, pasando de dous a catro, para ofrecer unha atención máis personalizada.

No Centro Cívico, ofértanse 436 prazas distribuídas en 26 grupos, con actividades como ximnasia de mantemento, ximnasia acuática, taichí, ioga, informática, cerámica, manualidades, costura básica e creativa, baile caribeño e bailes de salón. Nas parroquias, habilítanse 216 prazas para talleres de memoria, cerámica, manualidades, costura, ximnasia e baile. En todas as actividades resérvase unha praza para persoas con discapacidade, que poderán acudir acompañadas se precisan axuda.

A adxudicación das prazas no Centro Cívico realizarase por sorteo público entre as solicitudes recibidas. No caso das parroquias, as inscricións deberán tramitarse a través dos pedáneos ou asociacións locais.

“En resumo”, concluíu o alcalde, “desde este Equipo de Goberno, volvemos apostar decididamente polo Programa Activa, e proba delo é o notable aumento de prazas para atender a demanda dos nosos maiores, para que poidan ter unha vida activa. Desde o Concello de Monforte, animamos a todas as persoas interesadas que se inscriban e desexamos que gocen da gran variedade de actividades que ofertamos nesta edición de 2025-2026”.

⚙ Configurar cookies
0.16170501708984