Monforte presenta o programa de concertos das Festas Patronais

O Concello de Monforte acaba de presentar o programa de concertos musicais das Festas Patronais de Monforte, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto de 2025.
Segundo explicou o rexedor, a programación mantén o estilo que se vén facendo desde que o actual goberno municipal asumiu a responsabilidade, cunha aposta clara por ofrecer aos monfortinos e visitantes unha ampla variedade musical e artística que satisfaia os gustos e intereses de públicos moi diversos en idade e preferencias. “As Festas de Monforte converteron nun referente en Galicia, e queremos continuar por este camiño de éxito”, destacou.
O programa conta con seis concertos principais, acompañados por orquestras que actuarán antes e despois das actuacións, para garantir que a música en directo comece arredor das 10:30 ou 11 da noite e se prolongue ata aproximadamente as 4 da madrugada. Entre os nomes máis salientables atópanse grupos consagrados como A Roda, que abrirá as Festas tras o pregón, ou Coque Malla, un dos referentes do pop-rock español actual, que actuará o mércores 13.
Ademais, figuran na programación o Grupo América de Vigo e a Orquestra Panorama, que compartirán a xornada do martes 12; o artista Dorian, cun concerto centrado no pop electrónico e indie nacional; e unha aposta clara polo talento local, con dous grupos monfortino: Gin Toni’s e Movilla y Los Irrepetibles, que completarán a xornada do xoves 14. O venres 15, día grande das Festas, o público poderá desfrutar do concerto de Abraham Mateo tras os tradicionais fogos artificiais no Castelo de San Vicente. A programación pecharase o sábado 16 coa actuación de Nil Moliner, un dos grandes fenómenos musicais recentes en España.