Monforte presenta a nova flota para a limpeza viaria, na que se investiron 915.000 euros
O Concello de Monforte presentou este mércores a nova flota de vehículos e maquinaria que vén de adquirir para a limpeza viaria, tanto da zona urbana como das parroquias. Incorpóranse un total de 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria de limpeza, que supuxeron un investimento de preto de 915.000 euros.
A adquisición dos novos elementos de limpeza viaria son froito das negociacións do alcalde, José Tomé, coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.
A presentación serviu ademais para dar a coñecer a nova imaxe corporativa coa que se rotularon os novos vehículos e equipamentos adquiridos. O novo deseño corporativo inclúe a fotografía do conxunto de San Vicente e a Torre da Homenaxe, que está enmarcada polo lema 'Monforte Limpo. Patrimonio de todos'.
Entre as melloras acadadas tralas negociacións que supuxeron a prórroga do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, subscrito entre o Concello de Monforte e FCC Medio Ambiente, a empresa concesionaria xa levou a cabo, dende principios deste ano 2021, a renovación de 297 papeleiras da cidade, por 43.938 euros, e a instalación en todo o Concello de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros. Co investimento en vehículos e equipos presentados este mércores, supéranse os 1,2 millóns de euros en melloras desenvolvidas no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade.
“Esta inversión en equipos de limpeza viaria terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto da cidade e das parroquias, porque ademais poremos en marcha novos servizos como son o decapado de pavimentos e a limpeza de maleza en camiños municipais, que suporán un complemento para a mellora xeral do servizo que prestamos ós nosos cidadáns”, destacou o rexedor monfortino.