Monforte prepara unhas Festas Patronais e un Verán Cultural que aspiran a converterse nun referente galego

O Concello de Monforte vén de presentar o ambicioso programa das Festas Patronais 2025, que se celebrarán entre o 11 e o 16 de agosto, así como as principais actividades do Verán Cultural, que se prolongará ata setembro. O alcalde José Tomé, acompañado pola primeira tenente de alcalde Gloria Prada e pola concelleira de Cultura Marina Doutón, salientou que o obxectivo é “manter a esencia dos últimos anos, cun salto de calidade e cun programa á altura do que merece a cidade”.
As festas incluirán seis grandes concertos, acompañados de actuacións de orquestras antes e despois dos principais artistas. O rexedor explicou que os eventos musicais se desenvolverán en horario nocturno, de 22:30 a 4:00 horas, para garantir animación continua sen alterar o descanso veciñal.
O pregón que dará comezo ás festas será o día 11, e correrá a cargo da historiadora monfortina Manuela Sáez González. A tradicional formación A Roda será a encargada de amenizar esa primeira noite coa súa música popular na Praza de España.
Un cartel musical variado e de primeiro nivel
Entre os nomes destacados do cartel atópanse artistas e bandas recoñecidas como Coque Malla, Dorian, Abraham Mateo ou Nil Moliner, ademais de orquestras consolidadas como Panorama, Galilea, Suavecito ou Salsarena. A programación musical arrancará oficialmente o día 12 e prolongarase todas as noites ata o sábado 16.
A maiores, haberá espazo para formacións locais como Movilla y los irrepetibles ou Gin Toni’s, ademais de agrupacións tradicionais, batucadas, gaiteiros e grupos de pandeireta que animarán as tardes e noites en distintos puntos da cidade.
Un dos momentos máis especiais será o xoves 15, Día da Patroa, cando terá lugar a misa solemne na igrexa de San Vicente, precedida dunha comitiva institucional e das alboradas de gaiteiros polas rúas. Esa mesma noite, as barcas tradicionais decoradas percorrerán o río Cabe antes dos fogos de San Vicente e do concerto de Abraham Mateo.
Un Verán Cultural cheo de propostas para todos
O programa inclúe tamén a XI edición do festival cómico “A Rúa é Vosa”, que ofrecerá espectáculos de maxia, acrobacias, teatro, mimo e danza os días 12, 13, 14 e 16 de agosto. Unha gala de maxia o domingo 10 e a presenza de artistas como Mago Rafa, Lore Laband, Dania Díaz e Mago Iago reforzan a oferta para o público familiar.
Unha das apostas do goberno local segue sendo o Ciclo de Grupos de Monforte, que volverá celebrarse entre o 18 de agosto e o 3 de setembro en tres escenarios distintos (praza da Compañía, da Estación e de España), con actuacións de bandas como Malenne, Cool Flanders, Galga Blues Band ou Bella Chaos.
Ademais, repítense propostas xa consolidadas como os Paseos en Barca polo Cabe, a Mostra Artelemos, o Carude Rock, a Festa da Empanada de Ribasaltas, a Feira do Libro, o Ciclo de Cine-Concertos e a Xornada Europea da Cultura Xudía.
Un impulso á economía local
José Tomé destacou o impacto positivo destas festas no tecido económico: “As Festas Patronais e o Verán Cultural son un auténtico revulsivo para o comercio, a hostalaría e o sector turístico de Monforte”. O alcalde quixo tamén lembrar que todas as actividades son gratuítas, pensadas para todos os públicos e con estilos diversos.
O Concello aposta tamén pola visibilización de todos os barrios: o alumeado festivo contará con 269 arcos en 63 rúas, con máis dun millón de luces LED, “ao nivel das grandes festas de Nadal”, segundo indicou o rexedor.
Para Tomé, estas festas “son algo máis ca unhas celebracións locais; xa se fala das Festas de Monforte como un referente no sur da provincia e no noroeste peninsular”. Convidou a toda Galicia a achegarse a Monforte este verán: “Estou convencido de que os concertos encherán os espazos das festas pola súa calidade e pola variedade dos estilos”.
Para rematar, quixo trasladar os seus mellores desexos: “Deséxolles a todos os monfortinos e monfortinas, así como a quen nos visite, unhas festas cheas de alegría e participación”.