Monforte precisa dunha mellora na rede de sumidoiros da cidade

RibeiraSacraXa
O grupo municipal do PP de Monforte di que a rede de sumidoiros da cidade precisa dunha mellora canto antes
saneamento desaugue sumidoiro alcantarilla
20 Xul 2022

O PP di que a tronada puxo en evidencia as carencias da rede de colectores das augas residuais e a necesidade de planificar a súa renovación. Os populares destacan que a falta de limpeza dos embornais dos sumidoiros agravou a repercusión da tromba de auga nas rúas monfortinas.

'O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, gusta das obras que se ven, das que son un bo fondo para as fotos, das que se poden 'vender' politicamente unha e outra vez'. Así o sinala a portavoz popular, Katy Varela, que di que o malo desa preferencia do alcalde é para os intereses dos monfortinos, porque algunhas das grandes infraestruturas básicas non se ven, como son as hidráulicas, sinaladamente o saneamento. E como o goberno municipal non pon interese en renovar a rede de colectores, cada certo tempo hai inundacións. Varela destaca que 'cando chove intensamente, torrencialmente, como na tarde-noite do pasado xoves, entón o que ocorre é o que ocorreu e que todos os veciños puideron ver e, moitos, sufrir nos seus propios intereses'.

Os populares anuncian que na próxima sesión plenaria defenderán unha iniciativa en relación coa necesaria e inaprazable mellora da rede de colectores das augas residuais. Varela di: 'Está claro que cando chove como choveu o xoves é moi difícil que non ocorra algún problema na rede de sumidoiros. Pero o que está claro é que problemas hai moitos e frecuentes e débense á falta de renovación dunhas infraestruturas básicas para o bo funcionamento da cidade'.

Un dos aspectos que inciden de maneira fundamental en que se produzan inundacións cando chove copiosamente é a falta de limpeza dos embornais dos sumidoiros. Cando están atascados, non tragan auga debidamente e as calzadas convértense en verdadeiros ríos ou lagos. E prodúcense entón as inundacións, con consecuencias para os cidadáns, sinaladamente para locais públicos abertos en baixos, e para os garaxes soterrados.

A portavoz popular di que é hora de planificar o futuro das infraestruturas hidráulicas de Monforte, 'porque xa pasou o tempo de traballar para saír do paso'.

0.16311717033386