Monforte pecha os parques ante o paso da borrasca Ingrid

O Concello de Monforte de Lemos decidiu suspender este venres, 23 de xaneiro, a actividade na Gardería Infantil Municipal e no Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez, así como pechar de maneira provisional os parques infantís, como medida preventiva ante a alerta por meteoroloxía adversa.
A decisión adopítase tras os avisos emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e MeteoGalicia, que decretaron alerta laranxa por neve para boa parte do territorio galego, incluído o sur da provincia de Lugo. Segundo as previsións, o temporal estará asociado á chegada da borrasca Ingrid.
O decreto, asinado polo alcalde, José Tomé, recolle que os avisos laranxa afectan ás provincias de Ourense e Lugo —nas zonas de Montaña, Sur e Centro— así como ao interior de Pontevedra. Ademais, establécese alerta vermella por fenómenos costeiros en distintas áreas da Coruña, A Mariña lucense e nas Rías Baixas e o Miño, en Pontevedra.
No marco deste episodio meteorolóxico, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión das clases e do transporte escolar durante a xornada do venres nas zonas con aviso laranxa, así como a suspensión de toda actividade no exterior nas áreas afectadas pola alerta vermella.
Desde o Concello recoméndase á cidadanía extremar a precaución e manterse informada a través das canles oficiais mentres duren as alertas.