Monforte organiza un Escape Room pola Igualdade con mulleres referentes como protagonistas

Dentro do programa de actividades do Día Internacional da Muller, o Concello de Monforte acollerá este domingo, 8 de marzo, ás 18.00 horas nos Mercados da Praza de Abastos, o Escape Room pola Igualdade “Estrelas”, dirixido á mocidade a partir de 11 anos e ás familias.
A actividade desenvolverase en equipos de entre 4 e 6 persoas, podendo participar amigos, familiares ou de forma individual agrupándose con outros participantes. A misión consistirá en recuperar o fulgor dalgunhas das mulleres máis destacadas da historia, figuras que “cambiaron o curso do mundo e que merecen o seu lugar no ceo”. A proposta combina diversión e aprendizaxe, fomentando a igualdade e a eliminación dos estereotipos de xénero, mostrando mulleres valiosas en distintos ámbitos que romperon cos roles impostos pola súa época.
A actividade é gratuíta e ten unha duración aproximada de 100 minutos. O número de prazas é limitado e require inscrición previa, que se pode realizar a través do formulario dispoñible na páxina web do Concello, ou contactando co CIM mediante o teléfono 982 416 350 ou o correo cim@concellodemonforte.com
. O prazo para poder participar remata este venres 6 de marzo ás 14.00 horas.
Ademais, o mesmo domingo ás 18.30 horas, a Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Circo na Casa”, a cargo de MeRe Clown. A proposta, dirixida ao público infantil e familiar a partir de 3 anos, abordará os estereotipos de xénero e os roles de mulleres e homes en relación coas tarefas domésticas, promovendo a corresponsabilidade. A entrada é gratuíta.
O acto central do 8M en Monforte celebrarase tamén o domingo 8 de marzo, ás 13.00 horas fronte ás Casitas, coa tradicional concentración, a lectura do manifesto e a presentación da instalación expositiva “Mulleres con luz propia”.
Con estas iniciativas, o Concello de Monforte busca sensibilizar á cidadanía e fomentar valores de igualdade entre xeracións, combinando actividades lúdicas, educativas e culturais no marco do Día Internacional da Muller.