Monforte organiza un curso gratuíto de defensa persoal para mulleres dentro do programa do 25-N

RibeiraSacraXa
A participación é gratuíta e a formación impartirase en dúas sesións, os xoves 20 e 27 de novembro
curso-autodefensa-persoal-feminina-monforte
20 Nov 2025

O Centro Cívico Social de Monforte acollerá a partir de mañá un curso de Defensa Persoal Feminina incluído nas actividades do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. A iniciativa está promovida polo Concello a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM).

O obradoiro desenvolverase en dúas sesións, os xoves 20 e 27 de novembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A participación é gratuíta e a formación será impartida por Juan José Martínez Ordóñez, adestrador deportivo e coach motivacional con experiencia en programas de defensa persoal dirixidos a mulleres. Desde o CIM sinalan que aínda quedan prazas dispoñibles, polo que as interesadas poden inscribirse chamando ao 982 41 63 50.

O curso combinará contidos teóricos e prácticos co obxectivo de ofrecer unha preparación completa. Na parte teórica abordaranse aspectos psicolóxicos relacionados coa vítima e o agresor, referencias básicas do Código Penal e as cinco claves do “Método Máis”: respiración, observación, valoración, estratexia e técnica. A formación incluirá tamén pautas de prevención para evitar situacións de risco e, no caso dunha agresión, técnicas básicas de defensa.

Segundo a organización, a finalidade é dotar ás participantes de ferramentas que lles permitan aumentar a súa seguridade e autonomía ante posibles situacións de perigo. Entre os beneficios destacados figuran a mellora da autoestima, a redución do estrés e o fortalecemento de valores como o respecto, a prudencia e a solidariedade.

⚙ Configurar cookies
0.07656192779541