Monforte organiza este domingo dúas visitas guiadas gratuítas á zona de ámbito xudeu
O concello de Monforte conmemora este domingo 4 de setembro a Xornada Europea da Cultura Xudía-Renewal, a través da organización de dúas visitas comentadas á zona de ámbito xudeu, con saída dende a Oficina Municipal de Turismo (rúa do Comercio 6) ás 11.30 e ás 18.00 horas.
Esta actividade intégrase dentro do programa do Verán Cultural organizado polo Equipo de Goberno do concello de Monforte. As visitas correrán a cargo do investigador monfortino Felipe Aira, sendo estas gratuítas e cunha duración de hora e media.
As prazas para realizar as visitas son limitadas, polo que será preciso inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo.
Monforte de Lemos pertence, xunto con outras poboacións de España, á Asociación “Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad”, o cal representa un recoñecemento ó seu rico pasado medieval e en particular á pegada hebrea no mesmo. Pertencer a esta asociación supón contar con actividades que permiten a divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.
A temática da Xornada Europea da Cultura Xudía proposta pola Red de Juderías para este ano 2022 en 35 países europeos foi Renacer (Renewal), un concepto entretexido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como o é no sentido de recuperación do pasado.
Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade.