Monforte ofrece máis de 500 prazas no seu Programa Deportivo de Verán 2025

O Concello de Monforte de Lemos presentou esta fin de semana o “Programa Deportivo de Verán 2025”, cuxas inscricións se abren este mesmo luns, 12 de maio. O alcalde, José Tomé Roca, destacou que este programa responde á necesidade de conciliación familiar durante o verán e busca ofrecerlle á rapazada da cidade actividades divertidas e saudables.
A edición deste ano inclúe tres propostas principais: o Campamento Deportivo de Verán, o XIX Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, e os cursos de tenis. As matrículas poderán realizarse ata o 21 de maio.
Requisitos de inscrición
Para participar en calquera das actividades é requisito imprescindible estar empadroado no Concello de Monforte. Tamén poderán inscribirse menores cuxos proxenitores (pai ou nai) ou avós estean empadroados no municipio.
As solicitudes deberán presentarse entre o 12 e o 21 de maio a través do rexistro xeral do Concello, tanto de forma presencial como electrónica. Poderán facerse de forma individual ou múltiple (ata catro irmáns/as), sempre que coincidan nas mesmas datas. No caso de seren admitidos, todos os irmáns quedarán inscritos na mesma quenda, favorecendo así a conciliación familiar.
Campamento Deportivo de Verán
O campamento desenvolverase do 1 de xullo ao 14 de agosto, dividido en tres quendas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto. As actividades terán lugar de luns a venres, non festivos, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
En total, ofértanse 360 prazas, con 120 por quenda, divididas en 12 grupos cunha ratio de 10 menores por monitor/a. Reservaranse 6 prazas por turno para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% e outras 8 a disposición dos Servizos Sociais.
As actividades, que se levarán a cabo na área deportiva da Pinguela, combinarán deporte, obradoiros e excursións. Están dirixidas a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos.
O 26 de maio publicarase a lista provisional de preinscritos. Do 27 ao 30 de maio abrirase un prazo para emendar erros. Se é necesario, o sorteo de prazas celebrarase o 4 de xuño, e o día 6 publicaranse as listas definitivas e de agarda.
A matrícula formalizarase entre o 9 e o 20 de xuño, enviando a documentación por correo electrónico a deporte.veran@concellodemonforte.com ou presencialmente nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude, nas Casitas da Compañía.
O custe da actividade é de 51,75 euros por quenda sen transporte e de 67,28 euros con transporte. As familias numerosas contarán cun desconto do 50 por cento.
XIX Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo
Este campus, en colaboración co Real Club Celta de Vigo, celebrarase do 28 de xullo ao 1 de agosto no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas. Está dirixido a menores de entre 7 e 14 anos.
As inscricións seguirán o mesmo procedemento e prazos que o campamento. Ofértanse 100 prazas divididas en 6 grupos. O custe da inscrición é de 26,91 euros, cun desconto do 50 por cento para familias numerosas.
Cursos de tenis
Os cursos de tenis, que se celebran desde o ano 2022, desenvolveranse tamén do 1 de xullo ao 14 de agosto, distribuídos en tres quendas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, e do 1 ao 14 de agosto. Cada quenda contará con ata tres grupos de seis participantes.
As clases impartiranse os martes e xoves non festivos a partir das 10.00 horas, cunha duración dunha hora. Celebraranse nas pistas municipais de tenis da Pinguela.
O prezo da actividade é de 20,70 euros, cun desconto do 50 por cento para familias numerosas.
Máis de 500 prazas para o verán
En total, o programa ofrece 514 prazas: 360 no campamento, 100 no campus de fútbol e 54 nos cursos de tenis. O alcalde, José Tomé, subliñou que “desde o Concello facemos un esforzo moi importante cada ano, non só para manter estas actividades, senón tamén para mellorar a oferta en días, actividades e número de prazas, contribuíndo así á conciliación familiar e ao desfrute duns meses de vacacións activos para os nenos e nenas de Monforte”.