Monforte ofrece este mes formación universitaria para maiores de 50 anos

RibeiraSacraXa
O vindeiro mércores abre o prazo para anotarse nunha nova edición deste programa, que se desenvolverá no municipio do 20 ao 30 deste mes de abril.
miniatura monforte programa usc maiores
5 Apr 2021

O Concello de Monforte abre, o vindeiro mércores 7 de abril, o prazo de inscrición para anotarse nunha nova edición do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O programa leva por título 'Camiños de coñecemento e experiencia' e desenvolverase do 20 ao 30 de abril. Está composto por diversos seminarios formativos, con sesións teóricas e prácticas. É totalmente gratuíto e para participar non é necesario posuír ningunha formación previa específica. As sesións impartiranse no Centro cívico e social de Monforte (Paseo do Malecón, 26) en horario de 16.30 a 18.00 horas.

As persoas interesadas en asistir poderán formalizar a súa inscrición, desde o 7 ao 16 de abril, na Biblioteca Municipal de Monforte, en horario de 9.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

O alcalde monfortino, José Tomé, salienta a oportunidade que supón este programa, que xa se celebrou o pasado ano no municipio. "Entendemos que a través  deste proxecto favoreceremos o achegamento do coñecemento á poboación maior do noso concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e a súa participación social real nos ámbitos rural e  urbano", asegura.

OS CONTIDOS

'Camiños de coñecemento e experiencia' arrancará en Monforte o día 20 de abril co seminario 'Especies invasoras', impartido por Teresa Rodríguez Hermo, profesora titular da Facultade de Veterinaria en Lugo.

O mércores 21 de abril, a mesma docente xunto a Emilio Carral Vilariño, da EPS de Lugo, dirixirán unha saída polos arredores de Monforte.

O xoves 22 de abril, a doutora en Arte Medieval Carolina Casal Chico ofrecerá a charla 'Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Monforte de Lemos'.

O venres 23, Alexandre Sotelino, doutor en Ciencias da Educación, impartirá o seminario 'Cultura, folclore e educación: construíndo a identidade persoal desde a tradición'. O programa retomarase o xoves 29 con outra visita, neste caso ao Ecomuseo Pazo de Arxeriz.

O venres 30, Sandra González e Cristina Calle, monitoras e dinamizadoras culturais, dirixirán o último seminario, que abordará 'A cociña musical: o uso dos recursos cotiás na creación artística'.

monforte programa usc maiores

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17200613021851