Monforte mellorará a eficiencia enerxética da Casa da Cultura cun investimento de 150.000 euros

RibeiraSacraXa
A edificación, con máis de tres décadas de antigüidade, presenta unha baixa eficiencia enerxética debido ás súas características construtivas
casa-cultura-monforte
Casa da Cultura de Monforte
10 Feb 2025

O Concello de Monforte de Lemos continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais co obxectivo de optimizar os servizos que ofrece á cidadanía. Nesta ocasión, acometerase un proxecto para incrementar a eficiencia enerxética da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, situada na Praza de España, cun orzamento de 150.000 euros.

O alcalde, José Tomé Roca, destacou a importancia desta actuación, sinalando que "o proxecto que damos a coñecer hoxe ten que ver coa mellora das infraestruturas públicas que o Concello está levando a cabo en todos os campos para mellorar a prestación de servizos ós veciños e veciñas de Monforte. Neste caso, imos mellorar unha infraestrutura cultural e de servizos, como é a Casa da Cultura, que foi construída hai máis de 30 anos".

A Casa da Cultura Lois Pereiro é un referente cultural da cidade, xa que alberga a Biblioteca Municipal, dúas salas de exposicións, a sede da UNED en Monforte –con 100 alumnos matriculados este curso–, diferentes aulas e despachos, un arquivo e un salón de actos con capacidade para 160 persoas. Ao longo do ano, este espazo acolle un amplo abano de actividades, que inclúen concertos, representacións teatrais, congresos, xornadas, presentacións e exposicións de diversa índole.

A edificación, con máis de tres décadas de antigüidade, presenta unha baixa eficiencia enerxética debido ás súas características construtivas. Os cerramentos contan cun illamento insuficiente, a carpintería exterior é de aluminio sen rotura de ponte térmica e algunhas xanelas presentan acristalamento sinxelo, o que provoca perdas térmicas significativas. Ademais, o sistema de calefacción baséase nunha caldeira de gasóleo, cun consumo elevado e un impacto ambiental considerable. A iluminación tamén resulta obsoleta, xa que se compón de lámpadas fluorescentes, moitas delas en mal estado e cun nivel lumínico insuficiente.

Para mellorar esta situación, o Concello levará a cabo diversas actuacións. En primeiro lugar, renovarase a carpintería exterior da fachada principal, instalando novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica, oscilobatentes, con dobre acristalamento baixo emisivo, co obxectivo de reducir as perdas de calor e mellorar o confort dos usuarios.

Tamén se acometerá a renovación integral do sistema de calefacción e climatización, substituíndo a caldeira de gasóleo por unha bomba de calor de alta eficiencia, que permitirá un consumo máis reducido e a posibilidade de proporcionar frío no verán. Esta mellora contribuirá á redución do consumo enerxético e das emisións de CO2.

No ámbito da iluminación, substituiranse todas as luminarias e lámpadas existentes por novos dispositivos con tecnoloxía LED de alta eficiencia enerxética, tanto para a iluminación normal como para a de emerxencia. Ademais, instalaranse sistemas de detección de presenza para optimizar o consumo enerxético e reducir os custos de mantemento, xa que as luminarias LED teñen unha vida útil moi superior ás fluorescentes tradicionais.

A intervención abranguerá unha superficie total de 1.130,25 metros cadrados da Casa da Cultura. O proxecto, cun orzamento de 150.000 euros (IVE incluído), será publicado na Plataforma de Contratos do Sector Público para a súa licitación. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o sábado 8 de marzo de 2025. A apertura das ofertas administrativas e técnicas realizarase o luns 10 de marzo ás 8:45 horas, mentres que a apertura das ofertas económicas terá lugar o mércores 17 de marzo á mesma hora.

Os criterios de adxudicación inclúen a valoración da memoria técnica (40 puntos), o prezo (30 puntos), a redución do prazo de execución (ata 15 puntos), a ampliación do prazo de garantía (10 puntos) e as melloras propostas (5 puntos). Unha vez adxudicadas as obras e asinada a acta de replanteo, prevese que o prazo de execución sexa de seis meses.

0.17188000679016