Monforte leva o cine á rúa para visibilizar a cooperación internacional con Guatemala

RibeiraSacraXa
Nunhas proxeccións audiovisuais buscarase garantir os dereitos fundamentais das comunidades de América Central
cine-na-rua-monforte
10 sep 2024

O Concello de Monforte organiza este xoves 12 de setembro unha actividade de cine ao aire libre co obxectivo de concienciar sobre a cooperación internacional en Guatemala. O evento, titulado "Cine na rúa: Cine e Cooperación. Unha ventá ao mundo", terá lugar no espazo do Cuadrado, no Parque dos Condes, a partir das 20:30 horas.

A xornada contará coa proxección de catro curtametraxes que expoñerán diferentes desafíos da vida en Guatemala, dende a necesidade de garantir a soberanía alimentaria ata a loita por mellorar o acceso á educación. Estas pezas audiovisuais permitirán ao público reflexionar sobre como os proxectos de cooperación galegos están a contribuír a mellorar as condicións de vida das comunidades guatemaltecas, incidindo en áreas tan fundamentais como a seguridade alimentaria, o acceso á auga potable e o dereito a unha vivenda digna.

Ao remate das proxeccións, haberá un espazo de coloquio no que os asistentes poderán compartir as súas impresións e dialogar cos especialistas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade presentes no evento. Este intercambio buscará fomentar unha reflexión colectiva sobre as temáticas tratadas nas curtametraxes e promover unha maior comprensión das dinámicas da cooperación internacional.

A actividade está organizada polo Concello de Monforte en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co obxectivo de amosar a dura realidade das comunidades de América Central. Gloria Prada, tenente de alcalde de Monforte, subliñou que o propósito desta iniciativa é destacar o traballo que se está realizando a nivel de cooperación internacional, impulsado por entidades galegas con apoio de municipios como o de Monforte.

Ademais, Prada explicou que "non só buscamos dar a coñecer as difíciles realidades que viven países como Guatemala, senón tamén resaltar como a cooperación internacional, baseada na colaboración directa coas comunidades locais, pode marcar unha diferenza real". Así mesmo, sinalou a importancia de afastarse dun enfoque paternalista, promovendo un traballo conxunto e horizontal que empodere ás poboacións locais.

Con esta iniciativa, o Concello de Monforte reafirma o seu compromiso coa promoción de actividades que sensibilicen á cidadanía sobre cuestións globais, poñendo o foco nas desigualdades sociais e económicas que existen en países en desenvolvemento. Prada animou a toda a poboación de Monforte, así como aos visitantes da vila, a participar nesta sesión de cine, que ofrecerá unha oportunidade única para coñecer máis de preto a realidade de Guatemala e a importancia da cooperación internacional na mellora da vida das persoas en situación de vulnerabilidade.

0.16998291015625