Monforte inicia os traballos para elaborar o seu plan de acción local aliñado coa Axenda 2030

RibeiraSacraXa
O Equipo de Goberno participou na primeira mesa de traballo para comezar a redactar o documento co que o Concello aliñará as súas políticas públicas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
mesa-de-traballo-axenda-2030-monforte
Mesa de Traballo sobre a Axenda 2030 en Monforte
23 Oct 2025

O Concello de Monforte de Lemos deu esta semana o primeiro paso na elaboración do seu plan de acción municipal vinculado coa Axenda 2030. O Equipo de Goberno participou na primeira mesa de traballo coa empresa Serviguide, encargada de redactar o documento, que permitirá ao municipio aliñar as súas políticas públicas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A reunión estivo presidida pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, quen destacou o “firme compromiso do Alcalde e do Grupo de Goberno municipal co desenvolvemento sostible, a loita contra o cambio climático, a igualdade, a inclusión social e a xustiza interxeracional”.

Nesta primeira sesión participaron tamén a concelleira de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa), o concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán), a concelleirade Consumo, Regina López, o concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

Segundo explicou Gloria Prada, a elaboración deste plan representa “unha oportunidade única para converternos nunha cidade máis sostible, eficiente e cohesionada socialmente”. O documento permitirá mellorar a planificación estratéxica municipal, fortalecer a participación cidadá e acceder a novas vías de financiamento rexional, estatal e europea.

O proceso arrancará cun diagnóstico previo que servirá para identificar as accións xa en marcha que están aliñadas cos ODS, coñecer o seu grao de desenvolvemento e determinar as áreas prioritarias de actuación. A partir desta análise, o Concello elaborará un plan de acción local con eixos estratéxicos, metas concretas e mecanismos de avaliación e seguimento.

Ademais, o proxecto incluirá unha campaña de sensibilización dirixida tanto ao persoal técnico municipal como ao alumnado de Secundaria dos centros educativos de Monforte, co obxectivo de difundir os valores e metas da Axenda 2030.

A Axenda 2030, impulsada pola ONU, establece unha folla de ruta global para facer fronte a desafíos sociais, ambientais e económicos a través de 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, organizados arredor de cinco eixos fundamentais: as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas.

⚙ Configurar cookies
0.070705890655518