Monforte inicia este xoves o dispositivo especial de tráfico para as Festas Patronais

O Concello de Monforte porá en marcha este xoves, 7 de agosto, o dispositivo especial de tráfico con motivo das Festas Patronais, que se celebrarán entre os días 11 e 16 de agosto. O alcalde informou que a partir das 23:00 horas procederase ao peche do estacionamento do Parque dos Condes, espazo que acollerá as principais atraccións e barracas.
A Policía Local elaborou un plan que regula tanto a circulación como as zonas de aparcamento durante os días previos, de celebración e posteriores ás festas, para garantir a seguridade e facilitar os traballos de montaxe e desmontaxe das infraestruturas.
Como alternativa ao peche do parque, manterase operativo o aparcamento da rúa Sarria e habilitarase tamén un solar na rúa Francisco Moure, xusto despois do paso a nivel, na marxe dereita e por enriba do edificio de Fenosa. Este espazo estará dispoñible ata a reapertura do estacionamento habitual e contará con sinalización para facilitar o seu uso.
Desde o Concello recoméndase prestar atención á sinalización e seguir as indicacións da Policía Local durante estas datas.