Novos aforos das instalacións deportivas municipais de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou o día de onte un novo decreto que supoñen a modificación do protocolo de uso das instalacións deportivas municipais, en concreto, relativas ós aforos no número de espectadores que poden utilizalas, normativa que entrará en vigor esta fin de semana.
Estas medidas foron adoptadas polo rexedor municipal trala publicación no DOG da ORDE do 29 de setembro pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na que, entre outras cousas, se modifican as capacidades máximas permitidas de público asistente a competicións deportivas.
Por este motivo, foi necesario modificar o protocolo de uso de instalacións deportivas municipais do Concello de Monforte, para facer fronte á nova realidade ocasionada pola pandemia do covid19, un protocolo que é específico para competicións deportivas federadas.
Modificación do protocolo de uso das instalacións deportivas municipais
Dende o equipo de Goberno foi necesario modificar o protocolo de uso de instalacións deportivas municipais do Concello para facer fronte á nova realidade ocasionada pola pandemia da covid19. O contido deste protocolo sufrirá tantas modificacións e adaptacións como sexan necesarias tendo en conta a evolución da pandemia da covid19 e as directrices que diten as autoridades sanitarias.
O protocolo aplicarase nas instalacións deportivas municipais, nas que se celebren competicións deportivas con público. Así, poderán celebrarse estas competicións cunha ocupación máxima do 80 % en interior e do 100 % no exterior, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3 do anexo I da ORDE do 25 de xuño de 2021, nas que se especifica o uso obrigatorio de máscara en todo momento e no que non se permite o consumo de alimentos e bebidas.
Deste xeito, os aforos máximos permitidos nas instalacións deportivas municipais son: no pavillón municipal da Pinguela de 372 espectadores/as, cun aforo do 80%, no pavillón Institutos de 112 espectadores/as, cun aforo do 80%, no campo municipal de fútbol da Pinguela de 942 espectadores/as, cun aforo do 100% e, finalmente, no campo municipal de fútbol Luís Bodegasde 474 espectadores/as, cun aforo do 100%.
No caso de instalacións deportivas nas que se leven a cabo dous partidos á vez, a capacidade permitida para cada un dos encontros será do 50 % do total autorizado.
Corresponderalle á entidade deportiva o control de acceso dos espectadores ás instalacións, e tamén o establecemento das circulacións específicas do público asistente, así como a asignación de asentos e a súa sinalización.
Os medios necesarios para o control de acceso do público correrán a cargo das entidades deportivas, que deberán ademais levar a cabo un rexistro das persoas asistentes ó evento, que terán que custodiar durante o mes seguinte coa información de contacto, dispoñible para as autoridades sanitarias, e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.