Monforte incrementa ata os 25.000 euros os premios do Concurso do Entroido

O Equipo de Goberno do Concello de Monforte aprobará este luns 10 de febreiro en Xunta de Goberno Local as bases que regularán as actividades do Entroido 2025. Unha vez publicadas ditas bases e os formularios de inscrición na páxina web do Concello, os interesados poderán inscribirse nos concursos de Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e Martes de Entroido.
“Para esta edición de 2025, dende o Equipo de Goberno decidimos incrementar a partida de premios en 4 000 euros con respecto ao ano 2024, alcanzando os 25.000 euros, o que supón un 19% máis que en 2024 (21 000 euros) e un 39 % máis que en 2023 (18 000 euros). O noso obxectivo é animar á xente a participar nestes concursos e contribuír ao éxito do noso Entroido”, destaca o alcalde, José Tomé Roca.
Trátase da partida económica máis alta destinada polo Executivo de José Tomé para os premios dos diferentes concursos do Entroido. “Incrementamos os importes en todas as categorías, especialmente nos premios para Carrozas e Comparsas”, subliña o rexedor de Monforte.
Programación do Entroido en Monforte
O primeiro evento festivo do Entroido monfortino será o concurso do Xoves de Compadres, que se celebrará o 20 de febreiro. Unha semana despois, o 27 de febreiro, a cidade do Cabe acollerá outra das citas imprescindibles: o Xoves de Comadres. Finalmente, o Desfile de Comparsas e Disfraces do Martes de Entroido realizarase o 4 de marzo, mentres que ao día seguinte, o mércores 5 de marzo, terá lugar o Enterro da Sardiña.
O alcalde anima a todos os monfortinos e monfortinas a participar nos diferentes concursos do Entroido e tamén á xente doutros concellos, xa que o Martes de Entroido destínase unha partida de 3 150 euros para comparsas e disfraces de fóra de Monforte, un 36 % máis que en 2024 (2 300 euros), e 17 850 euros para comparsas e disfraces de Monforte, un 19 % máis que en 2024 (15 000 euros).
Xoves de Compadres e Xoves de Comadres
Para ambos concursos, a Concellería de Cultura de Monforte establece tres convocatorias: unha para centros educativos, outra para parroquias, barrios e rúias do municipio, e unha terceira de carácter individual, que competirá na Praza de España.
O xurado avaliará aos participantes segundo a orixinalidade dos materiais empregados, a elaboración, o interese etnográfico e a crítica social. Cada criterio terá un valor mínimo do 10 % e un máximo do 25 % da puntuación total.
Para cada unha das convocatorias, a partida máxima é de 2 000 euros. Na categoría individual, o primeiro premio será de 100 euros, o segundo de 75 euros e o accésit de 50 euros. Na categoría colectiva, o primeiro premio será de 150 euros, o segundo de 120 euros e o accésit de 75 euros. Ademais, outorgaranse premios especiais de 150 euros tanto para a mellor proposta etnográfica como para a mellor crítica social.
As inscricións para o concurso do Xoves de Compadres poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica a partir do día seguinte á súa publicación na web do Concello. O prazo finalizará o 19 de febreiro ás 14:00 horas. Para o Xoves de Comadres, o prazo está aberto ata o 27 de febreiro ás 14:00 horas.
Martes de Entroido: Desfile de Comparsas e Disfraces
O Martes de Entroido, o 4 de marzo, será o día grande da celebración en Monforte. O prazo de inscrición no desfile de comparsas e disfraces xa está aberto, e a data límite para rexistrarse será o 28 de febreiro ás 14:00 horas, presentando a documentación no Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica.
Establécense dúuas modalidades: unha para comparsas e disfraces de Monforte de Lemos e outra para comparsas e disfraces de fóra do municipio. A partida máxima destinada é de 17 850 euros para os participantes locais e 3 150 euros para os de fóra.
O primeiro premio para comparsas de máis de 90 integrantes será de 1 500 euros, 300 euros máis que en 2024, mentres que para as de fóra será de 600 euros, 150 euros máis que o ano anterior. Ademais, outorgaranse premios de 300 euros á mellor comparsa tradicional, á mellor posta en escena, á mellor música en vivo, ao mellor humor e á mellor crítica de actualidade.
O desfile comezará ás 17:00 horas na Praza da Estación e percorrerá as rúias Calvo Sotelo, Roberto Baamonde e Cardeal Rodrigo de Castro, finalizando na Praza da Compañía. O xurado cualificará as comparsas na Praza da Estación de 16:00 a 17:00 horas. Os disfraces individuais deberán concentrarse na Praza da Estación ás 16:30 horas para a súa identificación.
Os premios para as carrozas serán de 800 euros para o primeiro lugar, 600 euros para o segundo e 450 euros para o terceiro.