Monforte inaugura o alumeado de Nadal con 1,2 millóns de luces LED

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu este xoves o pistoletazo de saída á iluminación de Nadal 2025-2026 nun acto celebrado ás 18.30 horas na rúa Cardeal. Alí, xunto á gran figura cónica de máis de 20 metros que simula unha árbore de Nadal, o rexedor activou o interruptor que acendeu oficialmente o alumeado festivo.
Tomé estivo acompañado por membros do Goberno local e por numerosos nenos que participaron na conta atrás. Na súa intervención, o alcalde desexou unhas “festas de ilusión e alegría” aos veciños, e destacou que o dispositivo pretende dinamizar a cidade e atraer tanto a residentes como a visitantes.
A actuación musical do grupo de batucada monfortino TuKuPá puxo ritmo ao acto, que continuou pola zona peonil ata a Praza de España, onde se atopa unha figura luminosa dun oso panda, tamén transitable para que os cidadáns poidan fotografarse no seu interior.
O conxunto ornamental suma 1,2 millóns de puntos LED, distribuídos en 265 arcos repartidos por 67 rúas, ademais de sete rótulos de “Bo Nadal” situados nos accesos ao municipio. O orzamento total ascende a 57.000 euros. Este ano mantense ademais a proxección de imaxes na Torre da Homenaxe, recreando a caída de copos de neve nas súas catro caras.
A decoración complétase coa Casa do Concello, varias prazas do municipio, o Campo de San Antonio e o gran cedro da Compañía, todos eles engalanados con motivos navideños.
O alumeado permanecerá activo ata o 6 de xaneiro de 2026, en horario de 18.30 a 02.00 horas, coincidindo tamén co funcionamento das fontes ornamentais.