Monforte inaugura a nova piscina da Pinguela tras unha inversión millonaria

RibeiraSacraXa
A reforma completa a renovación do Complexo Deportivo da Pinguela, iniciada hai dous anos coa apertura do pavillón
inauguracion-piscina-a-pinguela
19 Oct 2025

Monforte de Lemos, 18 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este sábado a reforma integral da Piscina Municipal da Pinguela, que ofrece agora unha nova imaxe tras a remodelación realizada ao longo do último ano cun investimento de 2,3 millóns de euros. “Monforte pode presumir dunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”, destacou o rexedor.

No acto inaugural estivo acompañado polo Subdirector Xeral de Alto Rendemento do Consello Superior de Deportes, Aitor Canibe Sánchez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, o expresidente do Consello Superior de Deportes, Juan Manuel Franco López, membros do Equipo de Goberno, representantes do Club de Natación de Monforte e responsables da empresa adxudicataria e dirección de obra, antes do acto institucional, todos puideron visitar as novas instalacións e comprobar a transformación do edificio.

A reforma da Piscina Municipal completa a renovación do Complexo Deportivo da Pinguela, iniciada hai dous anos coa apertura do novo Pavillón Polideportivo. A inversión total nas dúas instalacións ascende a 6 millóns de euros, das cales 644.882,94 euros foron aportadas polo Consello Superior de Deportes, 600.000 euros pola Deputación Provincial de Lugo e o resto, máis de 1 millón de euros, polo Concello de Monforte.

O Alcalde subliñou que a reforma “é froito dunha política de aposta clara polo deporte de Monforte, como levamos demostrado no Complexo Deportivo de A Pinguela, nos campos de fútbol, no pavillón, nas pistas de tenis, na rúa Sober, na urbanización dos estacionamentos do entorno e, hoxe, nesta piscina, cun investimento total que supera os 8 millóns de euros”.

As instalacións contan agora cunha nova disposición de espazos que mellora a funcionalidade e a seguridade: vestiarios renovados, dous vasos de natación, ximnasio ampliado, cafetería, recepción común coa conexión ao pavillón, e un sistema de control de acceso que permite o uso autónomo da piscina e do ximnasio. Ademais, incorporan sistemas dixitais de monitorización da actividade deportiva en tempo real, climatización avanzada, enerxías renovables con bomba de calor xeotérmico e caldeira de biomasa, e un control centralizado BMS que optimiza o consumo enerxético e a xestión de todos os equipos do edificio.

A remodelación tamén inclúe a renovación completa do sistema de depuración das piscinas e a optimización dos sistemas hidráulicos e de climatización, garantindo un funcionamento eficiente e seguro para os usuarios.

A apertura oficial das instalacións para todos os usuarios será o próximo luns, 27 de outubro.

⚙ Configurar cookies
0.069602966308594