Monforte inaugura a nova iluminación do campo de fútbol da Pinguela
Este mércores día 20 de outubro, o Concello de Monforte, procederá a presentar oficialmente as obras de mellora da instalación eléctrica do Campo Municipal de Fútbol da Pinguela e das pistas de atletismo Saleta Fernández López, que incluíron a dotación de iluminación exterior da instalación.
Deste xeito, o alcalde procederá ó acendido do novo alumeado do campo, que terá lugar ás 20 horas e a continuación celebrarase un partido de adestramento entre o Club Lemos e o C.D. Barco, equipo que milita no grupo 1º da Terceira división de fútbol e que a día de hoxe ocupa os primeiros postas na táboa clasificatoria.
O alcalde subliñou que “dende o Concello de Monforte facemos unha invitación tanto aos clubs deportivos da cidade coma o resto da cidadanía, a presenciar o partido entre o Club Lemos e o C.D. Barco do vindeiro mércores ás 20 horas e disfrutar da nova iluminación do campo”.
A entrada será de balde ata esgotar o aforo existente, e será necesario seguir os protocolos de seguridade e saúde establecidos por mor da Covid-19.
Mellora da iluminación do Campo da Pinguela
O Concello de Monforte investiu un total de 60.001,87 euros nunha obra que levou a cabo a empresa Sicyme S.L.L. e que consistiu, por unha banda, en dotar á instalación de subministro eléctrico propio, para o que foi necesario adaptar e reformar a instalación eléctrica existente, e por outra na instalación dunha iluminación exterior que proporcione os niveis necesarios para a práctica deportiva nocturna.
As actuacións que se levaron a cabo foron a renovación de todo o cableado existente na instalación para adecualo á normativa actual incluíndo as novas canalizacións necesarias, a instalación de catro torres de alumeado con catro focos de 800 W cada unha, de tecnoloxía LED de alta eficiencia, a instalación dun SAI (sistema de alimentación ininterrompida) de 10 KVAS, a solicitude de aprobación e posta en marcha ás autoridades competentes, e a instalación de alumeado exterior ten unha potencia de 12.800 W.
Esta obra permite, ademais da legalización da instalación, poder disputar partidos de noite, cousa que ata o de agora non era posible.