Monforte inaugura a mostra 'A USC Camiña'
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a mostra 'A USC Camiña', unha xornada de achegamento da oferta académica da Universidade de Santiago de Compostela aos estudantes de secundaria monfortinos. Estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e o Vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga.
Na súa intervención, o alcalde agradeceu á Universidade de Santiago de Compostela que apostara por Monforte para celebrar este encontro entre os centros de secundaria e da propia universidade “que busca achegar a oferta académica desta Universidade ós alumnos e alumnas do ensino medio da nosa cidade, a fin de que poidan encamiñar a súa formación futura e a súa profesión, polo que espero que esta xornada lles serva de axuda”.
José Tomé tamén salientou a estreita colaboración do Concello e a USC, a través dos cursos de verán e para maiores de 50 anos que se organizan nos últimos anos en Monforte, e tamén destacou a aposta firme que como Presidente da Deputación fai polo Campus Terra de Lugo, a través dos investimentos que se levan a cabo na Granxa Gayoso Castro ou no Hospital veterinario Rof Codina.
Tomé concluíu que “queremos achegar información sobre un deses posibles itinerarios formativos, que é a universidade, e en concreto a USC. Ao rematar a ensinanza secundaria, ábrense moitas vías, dende seguir estudando a través da formación profesional, facelo no eido universitario, ou incorporarse ó mercado de traballo".
Por iso, resaltou, "que aproveiten os nosos estudantes para consultar calquera tipo de dúbida, e recoller toda a información que se lles vai proporcionar dende este espazo expositivo, a fin de que teñan as ferramentas e claves necesarias para poder tomar unha decisión unha vez rematen a súa formación na ensinanza secundaria”.
Xornada A USC Camiña
Esta xornada celebrouse nas instalacións do Edificio Multiusos de Monforte, no que se ubicou, na súa entrada, un espazo expositivo formado por stands das diferentes áreas académicas desta Universidade dende os que se levaron a cabo obradoiros e demostracións encamiñadas a amosar ós alumnos a oferta de cada unha destas áreas.
Os stands incluiron a oferta das titulacións de Artes e Humanidades, Ciencias, Titulacións de Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Enxeñaría, do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, así como da área de Cultura da USC e do seu Servizo de Participación e Inclusión Universitaria.
Ademais, o auditorio do Multiusos acolleu durante toda a mañá diversas mesas redondas sobre as titulacións de Tecnoloxía, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Humanidades, coa participación de estudantes e profesores.
Tamén tivo lugar a conferencia titulada “As Probas ABAU e o Acceso á Universidade” e se informou ós alumnos e alumnas dos centro de secundaria monfortinos sobre outros servizos da USC como Residencias, Voluntariado ou Cultura.