Monforte impulsa o seu plan de acción local da Axenda 2030

O Concello de Monforte vén de poñer en marcha os traballos para elaborar o seu plan de acción municipal vinculado á Axenda 2030, a folla de ruta global aprobada pola ONU en 2015 que busca avanzar cara a un modelo de desenvolvemento sostible.
Segundo explicou o alcalde, José Tomé, a adhesión a esta iniciativa permitirá ao municipio “aliñar as súas políticas públicas cos principios do desenvolvemento sostible, mellorar a planificación estratéxica, fortalecer a participación cidadá e acceder a oportunidades de financiación rexional, estatal e europea”. O rexedor destacou ademais que “con esta iniciativa, amosamos un firme compromiso co desenvolvemento sostible, a loita contra o cambio climático, a igualdade, a inclusión social e a xustiza interxeracional”.
O punto de partida para deseñar o plan será a elaboración dun diagnóstico que recolla as accións xa en marcha por parte do goberno local e que poidan estar aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A partir deste análise, estableceranse as áreas prioritarias de actuación e definirase un plan local con eixos estratéxicos, metas e mecanismos de seguimento adaptados ao contexto monfortino.
O Concello tamén prevé unha campaña de difusión e sensibilización dirixida tanto ao persoal técnico municipal como ao alumnado de Secundaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de dar a coñecer a Axenda 2030 e a súa relevancia.
A Axenda 2030 estrutura os seus compromisos en 17 ODS que abranguen retos sociais, ambientais e económicos a nivel mundial, como a eliminación da pobreza e da fame, a igualdade de xénero, o acceso a auga limpa, a educación de calidade ou a redución das desigualdades.