Monforte impulsa dous obradoiros interxeracionais este Nadal dentro do Programa Activa

RibeiraSacraXa
O prazo para inscribirse nestas formación estará a aberto ata o 17 de decembro
maiores-recurso
3 Dec 2025

O Concello de Monforte vén de anunciar unha nova edición dos obradoiros interxeracionais do Programa Activa 2025-2026, unha iniciativa que regresará este Nadal con dúas propostas pensadas para fortalecer os vínculos entre avós e netos. O Alcalde, José Tomé, presentou este mércores a convocatoria e informou de que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de decembro.

A primeira das actividades será o obradoiro AV@S 3.0, centrado en mellorar as competencias dixitais das persoas maiores coa colaboración dos máis novos. Celebrarase os días 22 e 29 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas, no Centro Cívico Social. Poderán participar avós e avoas acompañados dos seus netos e netas de entre 7 e 16 anos, sempre que residan no municipio.

Esta formación busca achegar ás persoas maiores ao uso habitual das novas tecnoloxías: desde o manexo do móbil ata o correo electrónico, a navegación pola internet ou a cámara fotográfica. Ao mesmo tempo, foméntase que os menores adquiran hábitos de responsabilidade ao actuar como guía tecnolóxico dos seus avós, impulsando así as relacións interxeracionais. Desde a Concellería de Servizos Sociais subliñan que este tipo de actividades contribúen a reducir a soidade, o illamento e a sintomatoloxía depresiva no colectivo de maiores, ademais de mellorar a súa autoestima e satisfacción vital.

A segunda proposta será o obradoiro de Adornos de Nadal, que terá lugar o 23 de decembro, de 17:00 a 19:00 horas, tamén no Centro Cívico Social. Neste caso, está dirixido a avós e netos de entre 5 e 16 anos. As dúas xeracións compartirán unha tarde de creatividade elaborando decoracións artesanais para preparar os fogares para as festas.

Ambos obradoiros son gratuitos e as familias interesadas poden anotarse ata o 17 de decembro ás 14:00 horas na Secretaría dos Servizos Sociais, onde deberán cubrir a solicitude e presentar o DNI.

Para participar é necesario estar empadroado en Monforte e acreditar relación de parentesco de segundo grao (avós e netos). No caso do obradoiro AV@S 3.0, os participantes deberán dispoñer dun dispositivo móbil con sistema Android.

⚙ Configurar cookies
0.07263708114624