Monforte ilumina a Torre da Homenaxe para conmemorar o Día Galego sen Tabaco
O Concello de Monforte sumouse este martes ao Día Galego sen Tabaco, iluminando de cor laranxa a Torre da Homenaxe. A campaña, que leva por lema Vive sen tabaco ten por obxectivo sensibilizar ao gran público sobre os problemas de saúde que provoca o tabaco, que é a primeira causa de morte evitable e prematura en España.
Segundo datos da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte, a mocidade comeza a experimentar co tabaco moi axiña, debido á influencia da publicidade e das promocións da industria tabaqueira, á facilidade para conseguir tabaco, ao seu baixo prezo e á aceptación social do seu consumo.
A forte adicción que provoca a nicotina, facilita o paso de experimentador a fumador habitual nun prazo de tempo moi curto, aproximadamente un ano. Para máis información, os interesados poden dirixirse ós servizos de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte, situados na Praza da Estación, 17, no 982 400 495 e no correo electrónico uad@concellodemonforte.com.