Monforte festexa o Nadal fomentando o comercio local
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu o pistoletazo de saída na tarde deste luns ao maratón de compras para os gañadores monfortinos dos premios de 500 euros, 1.000 euros e 3.000 euros da campaña Merca en Nadal, Merca en Local. A iniciativa, impulsada pola Deputación de Lugo e a Federación de Comercio para apoiar e incentivar as compras nos pequenos negocios da provincia durante esta época de Nadal. A carreira arrancou na Praza de España de Monforte de Lemos, ás 17.00 horas, coa presencia tamén da presidenta do Centro Comercial Urbano (CCU) da vila monfortina, Mari Carmen Núñez, e da Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada.
Tomé Roca acompañou nas primeiras compras á monfortina Sailín Beatriz Maiolino de Hernández, consumidora que resultou agraciada no sorteo público celebrado o 14 de decembro na capital da Ribeira Sacra, que percorreu pola tarde os diferentes establecementos de todo tipo adheridos á campaña. Tamén participaron na xornada Raquel Armesto Mourín, premiada con 1.000 euros; e Ignacio Silva Porres, con outros 500 euros para gastar.
Esta campaña que a Deputación financia con 50.000 euros, ten o obxectivo de promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa culminará este venres, 27 de decembro, coa xornada de compras en Lugo; o día anterior, xoves 26, terá lugar a de Foz.