Monforte entregou os premios do certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2025

A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, entregou este xoves os premios do certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2025 do Concello de Monforte de Lemos.
O certame, que se puxo en marcha como parte da programación que o Concello desenvolve dentro do programa das Letras Galegas, tivo como obxectivo impulsar e poñer en valor o uso da nosa lingua e a defensa da nosa cultura como signo de identidade, completando outras actividades que se desenvolven desde a área de Cultura do Concello.
Unha vez reunido o xurado do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2025, organizado pola Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos e pola Biblioteca Provincial de Lugo, a Concelleira de Cultura procedeu á entrega dos diplomas e premios aos gañadores, que se reuniron na Casa da Cultura para recollelos persoalmente.
Marina Doutón felicitou a todos os rapaces pola calidade das obras presentadas e animounos a que volvan participar neste certame nas vindeiras edicións, resaltando un ano máis a calidade dos traballos presentados na defensa e posta en valor da nosa cultura.
Nesta edición, foron premiados nenos e nenas do CPR Escolapios, CEIP A Gándara, CPR Ferroviario e CPR Torre de Lemos.