Monforte énchese de actividades con motivo do 25N
O Concello de Monforte organiza diferentes actos co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a través do Centro de Información á Muller (CIM).
Así, o alcalde convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización que este ano leva por título “Que non te cale o machismo”, e que ten por obxecto, a través dun completo programa de actividades, “facer un chamamento á unión e implicación da xente da cidade para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.
Desde o equipo de Goberno, consideran que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. "Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”.
A campaña ideada dende o Concello co gallo do 25-N, estenderase dende este venres día 17 e ata o 30 de novembro e o programa conta cun amplo abano de actividades, cuxa difusión será a través de cartelaría específica e de pancartas conmemorativas, que serán colocadas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na Rúa Cardeal.
Tamén se instalará un vinilo da campaña no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero en todos os traxectos que realice o bus pola vila, así como un chamamento a asistir á concentración do 25 novembro.
Do mesmo xeito, o propio 25 de novembro, iluminarase de cor malva a Torre da Homenaxe, dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencias.
Actos centrais do 25-N, na rúa Cardeal
O sábado 25 de novembro acollerá os actos centrais do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero en Monforte, comezando ás 12.30 horas co acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Rúa Cardeal a cargo de Margarita López Rodríguez, concelleira de Muller e Igualdade.
Posteriormente, desenvolverase a performance 'En Pé', representación feminista creada por Laura Naveira que, a través da mímica, danza e expresión corporal terá como obxectivo concienciar e visibilizar a discriminación e violencia contra as mulleres, así como a necesidade de implicación da sociedade na loita contra a violencia machista e a importancia do apoio ás vítimas.
Nesta performance actuarán tamén Violeta Torres e Rebeca Lourido, que, xunto a Laura Naveira, desenvolverán tamén o día 25 dúas actuacións mais que terán lugar en localizacións concorridas do casco urbano de Monforte, de 13.00 a 14.30 e de 18.00 a 20.00 horas. Rematará este acto co reparto de material de sensibilización, concretamente paraugas, entre as persoas asistentes.
Actividades no Centro Cívico
Por outra parte, o venres 17 de novembro no Salón de actos do Centro Cívico, celebrarase a Mesa de coordinación profesional contra a violencia de xénero, que se ven celebrando dende o ano 2009 para a mellora de atención a vítimas de violencia de xénero.
Como todas as edicións desta Mesa, levarase a cabo primeiro unha formación especializada en violencia de xénero dirixida a profesionais, á que lle seguirá un tempo de debate, coordinación, actualización de recursos e intercambio de experiencias dende os distintos ámbitos profesionais.
Este ano a formación levarase a cabo en liña, coa ponencia titulada “Cultura, masculinidade e violencia de xénero: accións e reaccións” a cargo de Miguel Lorente Acosta, ex-Delegado do Goberno para a violencia de xénero, doutor en medicina, médico forense e profesor da Universidade de Granada, acreditado experto en medicina legal e en temas relacionados coa violencia de xénero, ademais de autor de numerosas publicacións académicas e de varios libros sobre a materia.
Por outra banda, o venres 24 de novembro, de 12.30 a 13.30 horas o Salón de Actos do Centro Cívico acollerá a celebración do Obradoiro “Prevención do Acoso Callejero”, cuxo obxectivo é formar á poboación para que denuncien este acoso cando se produza, para construír unha conciencia na que o acoso nas rúas sexa visto coma un comportamento inaceptable.
Desde Fundación Mujeres e enmarcado no programa Standup, desenvolverase este obradoiro de prevención do acoso nas rúas no que se darán a coñecer un conxunto de ferramentas útiles para intervir de maneira segura cando experiméntase ou presénciase situacións de acoso en espazos públicos.
Os días 28 e 30 de novembro, de 16.00 a 20.00 horas o Centro Cívico acollerá un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que serve para dotar as mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e para a prevención de situacións de violencia de xénero, e está impartido por persoal instrutor de Fegaloita, que pertence ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Actividades para os máis pequenos
Por outra banda, os días 20, 21 e 22 de novembro terá lugar o Obradoiro de Prevención da Violencia Sexual “Con(Sentido)”, dirixido a alumnado 4º de ESO, co que se pretende que os alumnos e alumnas reflexionen sobre determinadas conductas que están estendidas entre a poboación adolescente, e dotar de referentes e modelos axeitados para relación sans e adecuadas.
A encargada de levar a cabo este obradoiro será a psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista en igualdade e violencia de xénero, que exporá de forma dinámica e audiovisual contidos teóricos a través de exemplos facilmente recoñecibles, reais e sinxelos para a mocidade facilitándolles as ferramentas claves para que camiñen cara un modelo afectivo desde os coidades e o bo trato baseado na igualdade.
Participarán os centros educativos do CPR PP Escolapios, o CPR Ferroviario, o CPR Torre de Lemos, así como os IES A Pinguela, Daviña Rey e Río Cabe.
Pola súa parte, os días 20, 21 e 23 de novembro celebrarase o Obradoiro de Prevención das Violencias Machistas na Contorna Dixital “#Patriarcado Baneado”, esta vez dirixido ao alumnado de 6º Educación Primaria.
A actividade consistirá nun xogo de investigación e análise colaborativo a través dunha presentación interactiva, na que o alumnado participante se dividirá en equipos de entre 2 e 3 persoas para navegar polas diferentes plataformas e redes sociais máis utilizadas na actualidade co obxectivo xeral de concienciar sobre as ciberviolencias sexuais para favorecer a prevención e a erradicación das mesmas na poboación infantil e xuvenil.
O persoal encargado de levar a cabo a actuación, pertencentes a CAVAS GALICIA, serán profesionais do Traballo Social con especialización en xénero e igualdade e experiencia en xestión de grupos. Con esta actividade buscarán fomentar no alumnado participante o razoamento crítico sobre a socialización diferencial, para que aprendan a relacionar como esta tamén inflúe nos espazos virtuais, xerando a mesma desigualdade estrutural que sustenta a base das ciberviolencias sexuais.
Neste caso, participarán alumnas e alumnos do CEIP A Gándara, o CPR Torre de Lemos, o CPR PP Escolapios, o CPR Ferroviario, o CEIP Monforte e o CEE Infanta Elena.
Por último, o domingo 26 de novembro terá lugar a representación Teatro musical pola Igualdade: “A fada que non sabía ser fada”, a cargo da compañía Trémola Teatrono Salón de Actos Casa da Cultura, que está dirixida a público familiar, e con entrada gratuíta.
Compromiso do Goberno local
O alcalde concluíu que “un ano máis encheremos Monforte de actividades arredor do 25-N Día Internacional contra a Violencia de Xénero, porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.
Para iso, José Tomé animou “a todos os veciños e veciñas de Monforte, asociacións, colectivos, entidades e empresas a implicarse na conmemoración do 25 de Novembro, e a que participen nos diversos actos que conforman esta campaña, co obxectivo común de acabar coa lacra da violencia de xénero na nosa sociedade, pois é un tema transversal que nos compete a todos e todas”.