Monforte encadeará once anos sen subir os impostos municipais

RibeiraSacraXa
“Os monfortinos e as monfortinas pagarán en 2026 o mesmo que veñen tributando nos últimos anos, agás nos recibos da auga e saneamento”, anunciou o alcalde
jose-tome-balance-2025
20 Oct 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou esta mañá que o municipio volverá manter conxelados os impostos locais no exercicio 2026. Con esta decisión, o Concello suma xa once anos consecutivos sen aplicar subas nas taxas municipais.

A proposta de modificación das ordenanzas fiscais, que forma parte dos orzamentos do próximo ano, someterase a votación no pleno ordinario do luns 27 de outubro. Segundo explicou o rexedor, “dende o Equipo de Goberno decidimos manter conxeladas todas as taxas, agás a do contrato da auga, que incrementarase un 3%, segundo a subida do IPC”. No caso do servizo de recollida do lixo, o Concello asumirá o aumento derivado do canon de Sogama, de maneira que “non se aplicará o aumento do IPC para compensar a subida aplicada por Sogama”.

A proposta mantén tamén a redución do 50% na taxa do cemiterio, vixente desde 2020, así como as bonificacións sobre o ICIO, o IAE e o IBI aprobadas en 2019 co obxectivo de fomentar a creación de emprego e a implantación de novas empresas.

Nos servizos vinculados a contratos con empresas externas, como o abastecemento de auga, a rede de sumidoiros e a depuración, aplicarase unha suba do 3%, equivalente á evolución do IPC entre setembro de 2024 e setembro de 2025.

“Os monfortinos e as monfortinas pagarán en 2026 o mesmo que veñen tributando nos últimos anos, agás nos recibos da auga e saneamento, nos que, por estar suxeitos a un contrato, incrementaranse nun 3% aplicando a suba do IPC”, detallou Tomé. “O resto das ordenanzas fiscais que dependen do Concello seguirán conxeladas, como veu ocorrendo desde o ano 2015, data na que chegamos ao Goberno municipal e tomei posesión como alcalde”.

En canto ao servizo de recollida de residuos, manteranse as tarifas aprobadas o pasado mes de abril tras o incremento da taxa de tratamento aplicado por Sogama, en cumprimento da Directiva Europea 2018/850, que penaliza os métodos menos sostibles de xestión de residuos, como a incineración ou o vertedoiro.

Co obxectivo de amortecer o impacto desta suba, o Goberno local explica que aplicará unha actualización gradual que permitirá equilibrar os custos do servizo nun prazo estimado de 20 anos. “Estes aumentos serán pequenos, concretamente un 5% da tarifa, o que suporá un incremento de aproximadamente un euro cada dous meses no recibo e a partir de 2026, co obxectivo de minimizar o impacto nos nosos cidadáns”, lembrou o alcalde.

Deste xeito, o recibo do servizo de recollida do lixo quedará fixado en 19,05 euros na zona urbana (10,11 euros de Sogama e 8,94 de custo do servizo) e en 9,54 euros na zona rural (5,07 de Sogama e 4,48 de custo do servizo). As tarifas empresariais variarán en función da actividade e do tamaño dos establecementos.

⚙ Configurar cookies
0.069127082824707