Monforte elixe ao cartel oficial das Festas Patronais de 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo público este sábado o cartel gañador das vindeiras Festas Patronais da cidade, que se celebrarán entre o 11 e o 16 de agosto de 2025.
Na presentación, estivo acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada; a concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón; e o autor da obra gañadora, José Ángel Ligero Martínez, quen explicou as ideas que inspiraron o seu deseño.
O alcalde lembrou que esta é xa a trixésima edición do concurso e sinalou que “cando convocamos o concurso de carteis para as Festas Patronais, facémolo permitindo a participación a calquera persoa que teña interese en contribuír a divulgar as nosas festas a través da súa capacidade artística. Porque desta forma temos unha maior aportación e variedade de ideas, como as 20 propostas que recibimos neste 2025”.
Así mesmo, destacou a continuidade desta fórmula aberta de participación desde o ano 2015: “trátase dunha iniciativa que como lembrarán vostedes, dende 2015, dende que son Alcalde, estamos a utilizar e volvemos a apostar por esta fórmula aberta ó público en xeral, para que calquera cidadán poida facer a súa proposta. Así, neste ano 2025, o concurso cumpriu a súa trixésimo novena edición, 10 delas dende a miña chegada á Alcaldía”.
A persoa gañadora recibe un premio de 1.000 euros, como recoñecemento ao seu traballo: “unha cantidade coa que retribuír o esforzo, o traballo e a creatividade da persoa que resultara gañadora”.
Este ano presentáronse 20 carteis ao concurso, unha cifra que confirma o crecemento do interese por esta convocatoria, que xa no 2024 experimentara un incremento do 33% respecto de edicións anteriores. Todos os traballos participantes serán expostos a comezos de agosto na Casa da Cultura de Monforte.
O xurado estivo composto por seis persoas de distintos ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte, e contou coa presidencia da concelleira de Cultura, Marina Doutón.
O alcalde explicou os criterios que levaron á elección da obra gañadora: “no conxunto do cartel predomina a estética colorista a través dunha ampla gama cromática de cores alegres, especialmente os vermellos, verdes e azuis. Neste senso, creo este cartel é unha explosión de alegría e cor, como o foi nos últimos anos, unha estética que gusta ó noso xurado porque o cartel das festas debe transmitir a alegría, a felicidade e a vitalidade das nosas festas”.
O autor do cartel, José Ángel Ligero Martínez, compartiu a súa visión artística: “obxectivo da súa composición era transmitir a alegría, o color e a festa nun deseño cheo de forza. Unha imaxe icónica da cidade claramente representativa, onde cada color, cada casa representa unha veciñanza unida polas festas. Todo esto fusionado, reflexando o espritu de unión da cidade e adornado con fogos artificiais”.
Ligero tamén agradeceu ao Concello a súa aposta por un concurso aberto á participación: “porque supón situar a Monforte no panorama nacional e porque tamén supón a posibilidade de concursar a todos os profesionais o que repercute na calidade das propostas que se presentan”.
Para rematar, o alcalde agradeceu a colaboración da empresa Gadis, encargada da impresión dos carteis, e da Deputación Provincial de Lugo, a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos.