Monforte e Quiroga acollerán obradoiros sobre innovación e Intelixencia Artificial

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza a próxima semana, os días 20 e 21 de marzo, dous obradoiros técnicos para traballar con empresas da zona sur provincial (Quiroga e Monforte de Lemos) en cuestións relacionadas coa innovación e a intelixencia artificial para facilitar a incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas no seu día a día e impulsar o seu crecemento e competitividade.
Os obradoiros, que terán lugar exclusivamente en formato presencial, organízanse no marco da iniciativa CONECTA LUGO, posta en marcha pola CEL grazas ao apoio da Xunta de Galicia para prestar servizos de información e asesoramento ás empresas lucenses, especialmente as pequenas e medianas e ubicadas no rural, de cara a un mellor aproveitamento das axudas e instrumentos públicos á súa disposición.
Innovación en Quiroga
O encontro previsto para o xoves 20 de marzo terá lugar en horario de 17.00 a 21.00 horas na Casa da Cultura de Quiroga baixo o título “Innovación para transformar o territorio”. Inclúe no seu programa ponencias sobre axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e servizos da Oficina Económica de Galicia, a intervención de Roberto Carro, presidente do Xeoparque Montañas do Courel e unha mesa redonda de debate na que participarán representantes de varias asociacións e colectivos con experiencias e iniciativas innovadoras en ámbitos rurais como a Asociación Turismo Geovilluercas, o Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural A Fusquenlla, a Asociación Ribeira Sacra Next; a Asociación Empresarios A Mariña; Prorural Galicia ou o Xeoparque Las Loras.
IA en Monforte de Lemos
Pola súa parte, o obradoiro previsto para o venres 21 de marzo terá lugar no Parador de Monforte de Lemos en horario de 16.00 a 20.00 horas baixo o título “Novas tecnoloxías IA para o sector vitivinícola”. Inclúe unha conferencia maxistral de Javier Tardáguila Laso, catedrático de Viticultura de Precisión da Universidade de La Rioja, sobre “Detección temperá de enfermidades do viñedo mediante intelixencia artificial e visión por ordenador”, así como unha mesa redonda na que participarán Miguel Tubio, director técnico do Grupo Martín Códax; Pablo Franco, director da D.O. Calificada Rioja ou Alfonso Losada, experto en viticultura e enoloxía.
Neste encontro técnico tamén se contará con representantes do Igape e, en ambos, con técnicos de Medrar Innovation Office.
A asistencia a estes obradoiros é totalmente gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que é imprescindible inscribirse na CEL, chamando ao 982 231 150 ou na web da CEL, onde tamén se pode consultar o programa completo que se desenvolverá en cada unha das xornadas de traballo.