Monforte e Nápoles seguen unidas polo Conde de Lemos
A tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada, acudiu ao acto conmemorativo do cuarto centenario da morte do VII Conde de Lemos organizado pola Fundación Real Monte Manso di Scala.
A institución, como homenaxe, decidiu encargar a realización de dous bustos ao escultor Riccardo Ruggiano, que representan a D. Pedro Fernández de Castro e a Giovan Battista Manso e pretenden ser un agradecemento por fundar a Academia Napolitana dos Ociosos.
Os bustos foron colocados na escaleira principal do edificio da sede histórica de Monte Manso, para dar a benvida a todos aqueles que se acheguen ao edificio, un lugar privilexiado que, tal e como salientou a tenente de alcalde no acto de presentación, “é o lugar que lles corresponde como merecido tributo a dúas personalidades históricas tan prominentes”.
Gloria Prada tamén fixo alusión no seu discurso “á unión entre as dúas cidades, Nápoles e Monforte, propiciada polos vínculos culturais que estableceron os Condes de Lemos en ambas.
"As pegadas do Conde de Lemos en Nápoles pódense apreciar na existencia do Palacio Real e o Museo Arqueolóxico Nacional, mandado construír por D. Pedro para Universidade, así como na Fundación do novo Colexio da Compañía de Xesús e Iglesia de S. Ferdinando", explicou Prada.
Do outro lado, en Monforte de Lemos, tal e como relatou a teniente de alcalde, “os Condes deixaron unha parte das obras adquiridas en Nápoles que na actualidade, se poden contemplar no museo monfortino das Madres Clarisas, convertendo a Monforte nunha parte importante da cultura partenopea.
“Pero a maior demostración do amor dos Condes por Nápoles foi denominar a unha zona da vila Monfortina Posilipo, en lembranza da zona de Nápoles onde viviron os Condes durante a súa estancia na cidade. Nesta zona, situada xusto ao carón do Rio Cabe, historiadores tan prestixiosos como a Doctora Manuela Sáez, presente tamén no acto, defenden que se construiu o palacio residencial dos Condes de Lemos ao seu regreso de Nápoles”, sostivo Prada.
Ao finalizar a súa intervención, Gloria Prada salientou a importancia e honor que supuxo para ela e para a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, representar a Monforte neste acto e fíxolles chegar aos gobernadores da Fundación o desexo do alcalde de Monforte, José Tomé, de continuar cos vínculos de amizade entre as dúas cidades, emprendidos polo VII Conde de Lemos.