Monforte destina 20.000 euros en axudas ó transporte de estudantes
O Concello de Monforte informa que, dende o día de onte, venres 1 de outubro, está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas ó transporte de estudantes universitarios e de ciclos de formación, logo da publicación das bases que regulan estas axudas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Do mesmo xeito, o prazo de presentación destas axudas rematará o 29 de outubro de 2021.
En concreto, pode optar a estas axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades o alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.
Neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, que incrementamos en 6.000 euros con respecto ó mesmo período do ano anterior, dende o equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.
Deste xeito, o equipo de Goberno do Concello fixou a contía destas axudas en 20.000 euros, para os gastos de transporte do curso 2021/2022, en concreto, do período establecido entre setembro do 2021 e ata xullo do 2022.
En relación co ámbito educativo, o Concello tamén dispuxo nas pasadas semanas unha liña de axudas de case 24.000 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario.