Monforte destina 12.000 euros en axudas a entidades sen ánimo de lucro

RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno aprobou conceder axudas de 2.000 euros cada unha ás catro entidades que presentaron solicitude: Agora, Afamon, Auxilia e Albores
casa-concello-monforte
3 Sep 2025

O Concello de Monforte aprobou esta semana a resolución da convocatoria anual de subvencións a entidades sociais e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais no Concello de Monforte, durante o exercicio 2025, cun importe total de 12.000 euros.

“Con estas axudas” sinala o alcalde, José Tomé Roca, “dende o Goberno municipal queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.

Nesta convocatoria reciben a subvención as catro entidades que a solicitaron, cunha cuantía de 2.000 euros cada unha. As beneficiarias son a Asociación Agora para persoas con discapacidade, que destinará a subvención ao proxecto CreARTE; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer Afamon, para o programa de estimulación cognitiva a través das novas tecnoloxías; Auxilia, destinada á promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade e enfermos crónicos, e Asociación Albores, que solicitou esta subvención para o seu espazo de ocio e tempo de lecer.

Con esta liña de axudas, explican dende o Concello, búscase fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

⚙ Configurar cookies
0.15895104408264