Monforte destina 12.000 euros en axudas a asociacións sen ánimo de lucro

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte aprobou a convocatoria anual de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro.
monforte
26 Ago 2021

Na Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobouse a convocatoria anual de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais no Concello de Monforte, durante o exercicio 2021.

Esta liña de axudas busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2021 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. Do mesmo xeito, como regra xeral o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 70% do seu orzamento.

Unha vez publicada esta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, o pasado venres 20 de agosto de 2021, o prazo de solicitude para estas axudas é de 20 días hábiles, polo que o prazo estará aberto ata o 17 de setembro de 2021.

Así mesmo, poden optar a ser beneficiarias destas subvencións de carácter social, aquelas entidades que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio de Monforte de Lemos e que cumpran uns requisitos.

Actividades obxecto de subvención

Serán obxecto de subvención o desenvolvemento de actividades e proxectos de carácter social que teña como persoas destinatarias últimas calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias dos servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas que por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais sofran especiais dificultades respecto da xeneralidade de poboación de precisen dunha atención específica para garantir o acceso a calidade de vida e participación social.

Incluirase con carácter excepcional na presente convocatoria o financiamento de actividades, material ou outros gastos extraordinarios ocasionados pola crise sanitaria da covid19 en relación co funcionamento dos centros e a realización de programas de inclusión social da súa titularidade.

0.1203191280365