Monforte destina 12.000 euros en axudas a asociacións para actividades desenvoltas neste 2022

RibeiraSacraXa
O concello de Monforte destina 12.000 euros en axudas a asociacións para actividades desenvoltas neste 2022
euros portada
7 Sep 2022

O Concello de Monforte ven de anunciar a apertura do prazo de solicitude das subvencións municipais destinadas a asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, sen ánimo de lucro e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, para actividades realizadas no exercicio 2022.

A contía destinada a estas subvencións ascende a 12.000 euros, e o importe de cada subvención non poderá superar os 1.000 euros, nin o 70% do investimento subvencionable por cada anualidade.

Logo de ser publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, onte venres 3 de setembro, as asociacións interesadas terán 15 días hábiles, para presentar as súas solicitudes, polo que o prazo rematará o 23 de setembro.

Concedidas as diferentes subvencións, o prazo para xustificalas será ata o 9 de decembro de 2022.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “o que pretendemos, con esta liña de axudas, é seguir apoiando a labor das nosas asociacións, e por iso, decidimos manter o mesmo importe que destinamos no 2020 e no 2021 para este tipo de axudas, 12.000 euros, a fin de apoiar actividades que son imprescindibles para o desenvolvemento cultural da nosa cidade, como son charlas, coloquios, conferencias, publicacións, concertos, eventos, etc.”.

REQUISITOS

Para poder optar a este tipo de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, as asociacións deben cumprir unha serie de requisitos, ademais de figurar legalmente constituídas no rexistro de asociacións do Concello (ter domicilio social, sede ou representación en Monforte) e desenvolver actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo.

Estes requisitos son:   carecer de ánimo de lucro, estar debidamente inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Monforte de Lemos no momento de presentar a solicitude, non ser debedora co concello por calquera tipo de débeda de dereito público nin coa Facenda estatal ou autonómica, non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiaria de subvención públicas e ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade.

Para estas subvencións quedan excluídas Asociacións e Entidades Deportivas, así como aquelas que realicen actividades de carácter social, pois contan con liñas de axuda específicas.

A finalidade das axudas será contribuír ao financiamento de programas, proxectos ou actividades culturais levadas a cabo por Entidades e Asociacións sen ánimo de lucro no concello de Monforte de Lemos no exercicio 2021.

Non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, comidas e eventos relixiosos.

O alcalde concluíu salientando que “con estas axudas dende o Equipo de Goberno do Concello apoiamos ás iniciativas, actuacións e programas que contribúen á dinamización da vida cultural de Monforte, actividades que complementan os programas dos servizos culturais municipais e que se dirixen á comunidade en xeral. E facémolo especialmente nun momento no que as administracións debemos apoiar á cultura, porque é parte esencial da nosa sociedade.”

euros
0.18659114837646