Monforte despediu un Entroido multitudinario co tradicional Enterro da Sardiña

O tradicional Enterro da Sardiña puxo o punto final ao Entroido 2026 na tarde deste Mércores de Cinza en Monforte de Lemos. A procesión foi encabezada polo alcalde, José Tomé Roca, acompañado da Tenente alcalde, Gloria Prada, así como de concelleiros e concelleiras de diversas áreas, entre elas Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, Cultura, Deportes, Consumo e Muller e Igualdade, ademais doutros membros da Corporación Municipal.
A Cofradía do Santo Enterro da Sardiña iniciou o percorrido ás 20.00 horas dende Praza de España, continuando polo treito peonil da rúa Cardenal, Avenida de Galicia, ata o cruce coa Rúa Ourense e Campo de San Antonio, para chegar finalmente á Praza do Concello. Alí, a comitiva foi recibida polo Equipo de Goberno e tivo lugar a lectura de coplas e rogativas. Posteriormente, a procesión avanzou ata a Ponte Medieval, desde onde se lanzou a sardiña ao río, pechando así os actos do Entroido.
O alcalde destacou o éxito da programación, en especial do Desfile de Comparsas e Disfraces celebrado o Martes de Entroido, que contou con representación das catro provincias galegas e rúas ateigadas de público. “O xurado tívoo moi difícil na concesión dos 21.000 euros en premios que repartiu o Concello, porque todos os participantes inscritos, que foron arredor de 1.300, amosaron moi bos traballos e, sobre todo, moi boa actitude”, salientou tomé, que asegura que “eso é un orgullo, porque o Entroido é unha celebración para desfrutar na rúa, para rir e para compartir a alegría con todos os veciños”.
O rexedor tamén quixo agradecer “a implicación y a participación de todos os monfortinos e monfortinas que se inscribiron para concursar tanto no Martes de Entroido, como no Xoves de Comadres e Compadres, e tamén a aqueles que se disfrazaron pola súa conta, que foron moitos, e que contribuíron tamén ao éxito do Entroido en Monforte”.
Dende o Concello destacan que esta edición do Entroido figura entre as máis participativas e exitosas dos últimos anos, consolidando Monforte de Lemos como un referente das festas populares na comarca.