Monforte dará visibilidade ao comercio local cun Free Tour emprendedor

RibeiraSacraXa
A actividade, aberta e gratuíta, celebrarase o 30 de xullo e amosará as historias das persoas que impulsan o tecido económico da cidade
Monforte-free-tour-2025
Festas de Monforte
23 Jul 2025

Monforte acollerá o vindeiro mércores 30 de xullo, de 10:30 a 12:30 horas, unha actividade diferente e con claro protagonismo local: un Free Tour baixo o lema “Pónlle cara aos negocios de Monforte”, que ten como obxectivo achegar á cidadanía ás experiencias e vivencias das persoas emprendedoras que sosteñen o comercio e a actividade empresarial da vila.

A ruta, que partirá da Praza de España ás 10:30 h —será identificable cun paraugas azul—, incluirá diversas paradas en negocios locais escollidos, onde os seus responsables relatarán en primeira persoa o seu camiño emprendedor, compartindo os retos, aprendizaxes e ilusións que os acompañan na súa traxectoria.

A proposta está organizada no marco do Clube de Emprendemento, un espazo de encontro, apoio e dinamización dirixido a persoas emprendedoras, empresas, entidades sociais e a todas aquelas que ven no emprendemento unha ferramenta de transformación social e desenvolvemento para o rural.

Este Free Tour forma parte do proxecto “Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible”, promovido por Acción contra a Fame Galicia e financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e a Fundación MAPFRE.

A participación é libre e gratuíta, mais recoméndase confirmar asistencia a través do formulario en liña dispoñible en: https://bit.ly/freetournegocios. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar con Ana, no teléfono 648 16 68 48.

⚙ Configurar cookies
0.047946929931641