Monforte dá luz verde plan de seguridade e saúde para iniciar a pavimentación das rúas de Ribas Altas

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte de Lemos aprobou o plan de seguridade e saúde necesario para iniciar a pavimentación de varias vías municipais en Ribas Altas. A intervención cubrirá 1.895 metros de estrada, cun ancho medio de 4,30 metros e unha superficie total de 8.160 m², e afectará aos tramos que conectan a estrada provincial co río Cabe e o contorno da área recreativa.
O proxecto, licitado en xuño, foi adxudicado á empresa Extraco S.A. por 144.055,34 euros e terá un prazo de execución dun mes. O Alcalde, José Tomé, subliña a “necesidade dunha actuación completa” debido ao deterioro do firme, a presenza de auga en determinados puntos e o alto tránsito de vehículos, situacións que, segundo o rexedor, “aconsellan unha renovación”.
As obras consistirán na aplicación de triple rego asfáltico e aglomerado en quente de 5 centímetros nos viais da marxe esquerda de Ribas Altas. Ademais, mellorarase o acceso desde a área recreativa ata a estrada provincial, ensanchando o primeiro tramo ata os 6 metros. Na parcela municipal próxima crearase unha zona verde con arboredo, céspede e mobiliario urbano.
Segundo José Tomé, este proxecto “mellorará vías moi utilizadas polos veciños de Ribas Altas, especialmente a estrada que dá acceso á área recreativa e ao local social, garantindo un servizo máis seguro e cómodo para todos os usuarios da parroquia”.