Monforte dá luz verde aos orzamentos de 2025 pese aos votos en contra da oposición

RibeiraSacraXa
As contas saen adiante con dez votos a favor do PSOE e os votos en contra do PP, BNG e Esperta Monforte
pleno-Monforte
Pleno Monforte
26 Nov 2024

O Concello de Monforte dey luz verde á aprobación inicial das contas de 2025 con dez votos a favor do PSOE e os votos en contra dos tres grupos da oposición: PP (4), BNG (2) e Esperta Monforte (1).

O orzamento total para 2025 ascende a 17.802.794 euros, o que supón un incremento de 1.416.458,04 euros (un 8,64% máis) respecto aos 16.386.335,96 euros de 2024. Este aumento débese principalmente á maior participación nos ingresos do Estado.

O PP denuncia que se trata dunhas contas “irreais”

Os concelleiros do PP de Monforte votaron en contra do proxecto de orzamentos para 2025 defendido  polo goberno de José Tomé xa que opinan que se trata dunhas contas “irreais” que “non redundarán na mellora da calidade de vida dos monfortinos nin dos servizos que reciben por parte do Concello de Monforte”.

A voceira popular, Katy Varela, xustifica o voto do seu grupo en que “son unhas contas que prevén atacar aos petos de todos os monfortinos sen prestar máis e mellores servizos por parte do Concello”.

Katy Varela xustifica esta afirmación en que, por exemplo, nos orzamentos non hai partida algunha específica para levar o abastecemento de auga potable e o saneamento a aquelas zonas do municipio que carecen dos servizo, así como tampouco para solucionar os problemas de roturas e co servizo. “José Tomé non prevé dar este servizo básico a aqueles veciños que carecen del, pero, pola contra, si que prevé aumentar a recadación por multas nun 70% (de 90.000 a 300.000€)”, denunciou.

Tamén fai fincapé a voceira popular na suba de transferencias pola participación nos tributos do Estado “circunstancia que se debe unicamente a que os monfortinos pagamos máis impostos que nunca ao Estado”, é dicir, pagamos máis no IVE, no IRPF ou polos combustibles, entre outros.

 “Pagamos máis impostos, o Concello de Monforte recibe máis cartos pero os monfortinos seguimos a ver como o municipio vai a menos e non mellora”, lamentou.

Ademais, o orzamento de gastos previsto dispárase aumentando nun 7% con respecto ás contas deste ano. “Aínda que pareza reiterativo, os monfortinos pagamos máis taxas, o Concello prevé aumentar o gasto, pero os servizos que recibimos e o estado do municipio non mellora”, criticou.

“Segundo a documentación que nos facilitaron, que non é toda, increméntase a débeda pública en máis dun 176% e un 52% as actuacións de carácter económico”, explicou Katy Varela, que engadiu que “veremos en que situación financeira vai a quedar o Concello de Monforte no caso de que Tomé siga por este camiño”.

“Tomé afirma que non vai a endebedar ao Concello, pero non di que hai que pagar intereses e amortizar préstamos”, sen esquecer que “seguimos pendentes de recibir a documentación relativa aos extractos bancarios de contas e créditos, de maneira que estamos pendentes de coñecer con exactitude a realidade económica do concello, que se saberá nese momento”, concluíu.

Principais cifras dos orzamentos para 2025

Ingresos destacados

  • Participación nos Tributos do Estado: Aumenta en 1.326.040 euros (30%) respecto a 2024, acadando os 5.746.040 euros.
  • Fondos de Cooperación da Xunta de Galicia: Incrementan en 47.494,89 euros, unha cifra que o alcalde considera insuficiente para as necesidades de Monforte.
  • Incrementos por impostos e taxas locais:
    • O IBI aumenta un 2,3%, cun ingreso previsto de 290.000 euros.
    • A taxa de recollida de residuos sobe un 45%, debido ao incremento do canon de SOGAMA, que se reflectirá de forma diferenciada nos recibos.
    • Pola contra, mantéñense sen cambios os impostos municipais como medida de apoio á cidadanía.

Gastos principais

  • Persoal: A partida aumenta un 10,75% ata os 5.761.303,60 euros, destacando a aplicación do terceiro tramo do incremento salarial pola Relación de Postos de Traballo (RPT) e un aumento do 2,5% nos salarios.
  • Gasto corrente: Incrementa un 5,81%, acadando os 9.415.157,17 euros, debido á subida de custos do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) e outros servizos sociais.

Investimentos e proxectos clave

A inversión total ascende a 1.206.014,80 euros, un 19% máis que en 2024. Destacan:

  • Mellora de vías urbanas: 350.000 euros.
  • Equipamento e nova caldeira para a piscina municipal: 250.000 euros.
  • Aportación para a EDAR do Polígono Industrial do Reboredo: 129.381,47 euros.
  • Obradoiro de Emprego: 81.530,60 euros, un incremento do 1.530%.

Compromiso social

O orzamento prioriza servizos sociais e investimentos, destacando:

  • Axuda no fogar: Incremento do 2,5%, acadando os 1.942.500 euros.
  • Emerxencias sociais: Aumento do 25% ata 75.000 euros.
  • Eficiencia enerxética: Incremento do 25% ata 25.000 euros.
  • Galiña municipal: Subida do 10,3% ata 160.952,76 euros.
  • Apoio a estudantes: Mantéñense as axudas ao transporte e increméntase a partida para adquisición de libros de texto nun 20%, acadando os 30.000 euros.

Eventos e cultura

  • Feira Medieval: Incremento do orzamento nun 33,33%, ata 180.000 euros.
  • Festival do Viño: Subida do 260%, acadando 180.000 euros.
  • Festas Patronais: Aumento do orzamento a 450.000 euros.
  • Premios de Cultura: Incremento do 19% ata 25.000 euros.

O alcalde cualificou o orzamento como "expansivo, social e comprometido coas necesidades dos monfortinos, mantendo conxelados os impostos". Ademais, prevénse novos convenios con outras administracións para mellorar os servizos e a infraestrutura do municipio.

0.17269110679626