Monforte dá comezo hoxe ás súas Festas Patronais 2025 cun programa cargado de actividades

Monforte abre hoxe oficialmente as súas Festas Patronais 2025, que se celebrarán ata o 16 de agosto, cun programa que combina grandes concertos, tradición e actividades culturais. O alcalde, José Tomé, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentou un cartel que, segundo destacou, busca “manter a esencia dos últimos anos, cun salto de calidade e cun programa á altura do que merece a cidade”.
A xornada inaugural comezará ás 20:30 horas na Casa do Concello co pregón da historiadora monfortina Manuela Sáez González. A continuación, o alcalde lanzará o foguete e inaugurará a iluminación artística que decorará a cidade durante as festas. A música será a gran protagonista da noite co concerto de A Roda, ás 22:30 horas na Praza de España, que abrirá unha serie de seis noites de actuacións gratuítas e de primeiro nivel.
O cartel musical contará con artistas como Coque Malla, Dorian, Abraham Mateo ou Nil Moliner, xunto a orquestras como Panorama, Galilea, Suavecito ou Salsarena. Tamén haberá espazo para grupos locais como Movilla y los irrepetibles ou Gin Toni’s, así como agrupacións tradicionais, batucadas, gaiteiros e pandeireteiras que animarán distintos puntos da cidade.
Dentro do programa, o xoves 15, Día da Patroa, celebrarase a misa solemne na igrexa de San Vicente, precedida pola comitiva institucional e alboradas de gaiteiros. Esa noite, as barcas decoradas percorrerán o río Cabe antes dos fogos de San Vicente e do concerto de Abraham Mateo.
En paralelo, o Verán Cultural ofrecerá propostas como o festival cómico “A Rúa é Vosa”, do 12 ao 16 de agosto, con maxia, acrobacias, teatro, mimo e danza; paseos en barca, a Mostra Artelemos, o Carude Rock, a Festa da Empanada de Ribasaltas, a Feira do Libro, o ciclo de cine-concertos e a Xornada Europea da Cultura Xudía.