Monforte contará cunha nova depuradora no Polígono de Reboredo

RibeiraSacraXa
Monforte contará cunha nova depuradora no Polígono de Reboredo despois de asinar un convenio coa Confederación Hidrográfica
Concello Monforte Confederacion Hidrografica
Concello Monforte Confederacion Hidrografica
21 mar 2023

O alcalde de Monforte, José Tomé, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga veñen de asinar o convenio que fará posible a construción da nova depuradora do Polígono Industrial do Reboredo.

Este cordo de cooperación entre Administracións materialízase na firma do convenio de colaboración asinado despois de ser aprobado no Pleno do 30 de xaneiro e que fará posible estas actuacións tan importantes para o parque empresarial e para Monforte.

Xa se está traballando

Tal e como revelaron os estudios feitos sobre o funcionamento da EDAR existente na actualidade no Polígono, esta non é capaz de someter a un tratamento adecuado as augas residuais xeradas polas diferentes industrias implantadas no mesmo.

Por outra banda, dende o Equipo de Goberno, estase a traballar na ampliación do polígono industrial xa que neste momento non ten capacidade para albergar máis empresas por estar ocupado ao 100% da súa capacidade e si se coñece o interés por parte de varios empresarios de instalar as súas empresas nestas instalacións en canto teñan posibilidade.

Todas estas circunstancias puxeron de relevo a necesidade de dotar ao parque empresarial dun novo sistema de saneamento e depuración que sexa capaz de tratar de forma adecuada as augas residuais.

O alcalde sinalou que “vai supoñer un antes e un despois para o futuro crecemento desta zona industrial de Monforte” e subliñou que “se trata dunha inversión que permitirá que o Polígono evolucione industrialmente e, como consecuencia, que haxa tamén un crecemento da actividade económica e de creación de postos de traballo, por tratarse dun servizo básico para que o Polígono funcione con normalidade”.

Custo e reparto da inversión

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil aportará un 85% da inversión, case 4 millóns de euros, distribuída en 3 anualidades, mentres que o Concello aporta o 15%, preto de 230.000  euros ao ano, máis a parcela onde se ubicará a nova depuradora, sendo un total de 690.000,00 euros de investimento, que queda repartido en tres anualidades.

A parcela na que se situará esta infraestrutura conta cunha extensión de 5.000 m2 , tivo un custe de adquisición de 117.975,00 euros e foi comprada a Suelo Empresarial del Atlántico coa previsión de cedela para construír a nova depuradora.

Por tanto, a aportación municipal ascenderá a un total 807.975,00 euros.

Características da nova depuradora

A nova depuradora, explicou o alcalde, “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o polígono que hai neste momento”.

Vaise construír con dúas características moi importantes e previsoras para o futuro: vai poder funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a correcta, establecida nos parámetros que marca a lei, e vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela que ocupa a actual depuradora que son colindantes.

“Con esta obra tamén se vai mellorar moito o medio ambiente, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono, ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica explicou que a nova depuradora vaia cubrir as necesidades actuais e futuras con uns parámetros de vertido adecuados á calidade das augas.

Beneficios

Tal e como afirmou Quiroga, está previsto que trate 1.000 metros cúbicos diarios de residuos ademáis de estar preparada para tratar residuos específicos como poden ser os lácteos.

Salientou tamén a previsión dun colector de 1,5 km para levar os vertidos ao Río Cabe quedando libre de vertidos o Río Carballal e dúas liñas de decantación secundaria e de reactores biolóxicos quedando espazo para unha terceira para cubrir o plantexamento de ocupación industrial do futuro.

Unha vez rematadas as obras, serán recibidas polo Concello que se encargará do seu mantemento no futuro.