Monforte contará con conexións móbiles de alta velocidade e mellor cobertura

RibeiraSacraXa

Os operadores de telefonía móbil anunciaron que durante as próximas semanas levarán a cabo en Monforte o proceso de activación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, nas bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, "que permitirá ós habitantes de Monforte disfrutar de conexións móbiles de alta velocidade con mellor cobertura no interior dos edificios e cunha maior área xeográfica", explica o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.

11 ene 2023

Os operadores de telefonía móbil anunciaron que durante as próximas semanas levarán a cabo en Monforte o proceso de activación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, nas bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, "que permitirá ós habitantes de Monforte disfrutar de conexións móbiles de alta velocidade con mellor cobertura no interior dos edificios e cunha maior área xeográfica", explica o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.

"Llega700" é a entidade constituída polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión e para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa televisión dixital terrestre (TDT).

Neste senso, José Tomé tamén informa que "se os veciños detectan algún tipo de problema na visualización das canles de TDT, lémbralles que poden contactar coa empresa responsable da instalación do servizo, durante os próximos 6 meses, a través do correo electrónico: ayuda@llega700.es ou do teléfono gratuíto 900 833 999".

Segundo dividendo dixital

O desdobramento enmárcase no disposto no Real Decreto 579/2019, do 11 de outubro, do que se liberaron as frecuencias entre 694 e 790 MHz (canles UHF 49 a 60) que ata entón se utilizaban para a recepción da Televisión Dixital Terrestre, un proceso tamén coñecido como Segundo Dividendo Dixital.

A partir de entón, estas frecuencias foron asignadas aos operadores de telefonía móbil para que prestasen os seus servizos de telefonía móbil de nova xeración.

A nova rede móbil abriu a porta a servizos e aplicacións innovadoras, ademais de achegar importantes melloras tanto na velocidade de descarga como na transmisión de datos (fotos, música ou contidos audiovisuais en alta definición) ou aproveitar ao máximo as aplicacións en liña, polo que hai maior e mellor cobertura.

A rede de telefonía móbil de nova xeración introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados coa orografía complicada presentes na xeografía española onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda é a gran penetración nas zonas interiores dos edificios.

A nova xeración tamén facilita a introdución de novos servizos no ámbito empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais móbiles con alto contido multimedia ou o uso de videochamadas, entre outros.

Ademais, a maior cobertura acadada polo desdobramento nas bandas de 700 e 800 MHz mellorará o servizo no interior dos edificios e será a banda que permita estender o servizo de forma xeograficamente eficiente.

Llega700 pon a disposición dos cidadáns unha serie de servizos gratuítos que inclúen un trámite corrector tras a activación das estacións, para o que esta entidade será a encargada de atender aos usuarios afectados, xestionando e resolvendo os posibles efectos sen ningún custo.

Segundo a Orde Ministerial que regula este proceso, o prazo para solicitar actuacións en caso de afectación por parte dos usuarios de TDT é de seis meses desde a data de posta en servizo das estacións de telefonía móbil.