Monforte concede máis de 16.600 euros en axudas para a creación de empresas

RibeiraSacraXa
Un total de 17 autónomos e pemes resultaron beneficiarios do programa municipal de fomento da iniciativa empresarial
Goberno-local-concello-de-monforte
5 Jan 2026

O Concello de Monforte de Lemos resolveu a convocatoria de axudas para a creación de empresas aberta o pasado mes de novembro no marco do Programa de Fomento da Iniciativa Empresarial, segundo informou o alcalde, José Tomé Roca. Tras analizar e avaliar as solicitudes presentadas, acordouse conceder subvencións a un total de 17 beneficiarios que cumpriron os requisitos establecidos nas bases reguladoras, cun importe global que ascende a 16.626,71 euros.

Estas axudas están dirixidas a persoas autónomas e a pequenas e medianas empresas que teñan o seu domicilio fiscal e social en Monforte de Lemos e que iniciaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025, considerando como inicio da actividade a alta no Imposto de Actividades Económicas. O obxectivo principal desta liña de apoio é contribuír a sufragar parte dos gastos derivados da posta en marcha do negocio durante os primeiros meses de funcionamento, incluíndo aqueles realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

A contía máxima das axudas sitúase en 1.500 euros por beneficiario, sen que poida superar en ningún caso o 50% dos gastos xustificados no período establecido. Esta cantidade pode incrementarse nun 25% adicional cando a persoa beneficiaria sexa muller ou teña recoñecida algunha discapacidade.

Segundo explicou o rexedor, esta iniciativa pretende colaborar de maneira activa na xeración de emprego no municipio mediante o apoio á creación de novos proxectos empresariais. Tal e como subliñou, o propósito fundamental é contribuír a fixar poboación en Monforte e favorecer un crecemento sostible, promovendo emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a incorporación ao mercado laboral de persoas en situación de desemprego.

No que respecta aos gastos subvencionables, inclúense aqueles directamente vinculados ao inicio da actividade empresarial, como parte dos custos de constitución da empresa, entre eles visados, honorarios e gastos de proxectos técnicos ou a inscrición no Rexistro Mercantil. Tamén se contempla o apoio ás existencias iniciais mediante a subvención dunha parte das primeiras compras de mercadorías, materias primas e consumibles necesarios para o proceso produtivo.

Así mesmo, poden ser obxecto de axuda unha porcentaxe dos gastos de aluguer do local, de vehículos industriais, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos, sempre que resulten imprescindibles para o desenvolvemento da actividade. Inclúense tamén primas de seguros directamente relacionadas coa empresa, como os do local, de responsabilidade civil e, nalgúns casos, dun vehículo necesario para a actividade, así como determinados gastos correntes vinculados ao funcionamento diario do negocio, como subministracións, material de oficina, asesoría ou equipos de seguridade.

Quedan expresamente excluídos calquera outro gasto non recollido entre os conceptos subvencionables, así como os impostos indirectos susceptibles de recuperación ou compensación, en especial o IVE, e os impostos persoais sobre a renda.

⚙ Configurar cookies
0.082102060317993